A muller asasinada no CHUO recibiu puñaladas que lle atravesaron o corazón tres veces

Peritos cren que a gravidade das lesións no ataque da casa "non se ven nun roubo" e que os golpes "tentaban anular á vítima". 


|

Chuo 1


Os forenses que analizaron o corpo de Isabel Fuentes, de 66 anos, supostamente asasinada polo seu marido, Aniceto R.C., de 77 anos, no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) en 2015, certificaron que a muller recibiu dúas feridas cun coitelo, unha "de tenteo" e outra na que o agresor introduciu ata catro veces a arma e que lle atravesou o corazón "tres veces".


Así o confirmaron este martes na Audiencia Provincial de Ourense durante a proba pericial anticipada ao xuízo, que terá lugar entre os días 19 e 22 de xuño, e que se adiantou pola imposibilidade dun dos forenses de acudir nesas datas.


Os feitos que se xulgan tiveron lugar o 8 de maio de 2015 no CHUO cando o acusado supostamente matou á súa muller, Isabel Fuentes, ao clavarlle un coitelo. A muller recuperábase dun traumatismo cranioencefálico que, segundo relatara o seu marido, lle provocaran uns ladróns ao tentar roubar na súa casa a madrugada do 2 de abril.


Desde un primeiro momento a Garda Civil descartara a tese dunha agresión por roubo, xa que non atoparan a porta forzada e as investigacións apuntaban a unha posible agresión por parte do marido


"POLO MENOS TRES GOLPES"


Respecto da primeira agresión, sufrida no seu domicilio, os forenses determinaron que a vítima sufriu "polo menos tres golpes" na zona dereita da cabeza, cando se atopaba deitada no sofá, cun "instrumento contundente".


Os forenses explicaron que dúas destas feridas foron "moi graves" e podían "provocarlle a morte". Nunha delas, que ía desde o ollo ao oído dereito, certificaron a perda de óso e "parte de cerebro fóra".


Nas súas explicacións, os peritos sinalaron que o instrumento que provocou a lesión probablemente foi a parte da unlla dun martelo, por considerar compatibles as feridas que presentaba a vítima con que o obxecto "quedase no cranio e ao tirar del levase fragmentos de óso e masa encefálica".


"En intentos de roubo non ven tantas lesións. Isto ía dirixido contra ela", explicou un dos forenses, para o que os golpes "tentaban anular á vítima".


Os técnicos non puideron certificar que a muller chegase a ser consciente nin lembrar o ataque. Tampouco apreciaron signos de que chegase a defenderse.


LEVANTOU O CAMISÓN PARA VER ONDE AGREDILA


En relación á agresión no CHUO que provocou a morte da muller, explicaron que o agresor levantara o camisón (que non tiña cortes) da vítima "probablemente" para ver onde agredila e que tiña dúas feridas: unha que non chegou a penetrar no tórax e unha segunda "que presentaba varias traxectorias de saída".


Respecto desta última e atendendo á forma da incisión os forenses explicaron que o agresor tivo que "meter e sacar o coitelo, sen retiralo do todo" en catro ocasións. Tres destes cortes atravesáronlle o corazón e chegaron ao pulmón.


Os forenses coincidiron en que as feridas "son compatibles" coa arma que se atopou no CHUO xunto ao corpo do seu esposo, cando este se atopaba inconsciente despois de autolesionarse no pescozo.


ANOS DE PRISIÓN


O Ministerio Fiscal considera ao procesado responsable en concepto de autor e engade a agravante mixta de parentesco en ambos os delitos. Así, solicita 14 anos de prisión polo intento de asasinato e 25 anos de cárcere polo delito consumado de asasinato. En total a pena que pide ascende a 39 anos.


Mentres, a acusación particular reclama 49 anos de prisión por considerar que a agresión se realizou co agravante de ensañamento e actuación sorpresiva. A avogada da acusación particular, Isabel Seijo, xustificou este martes a súa petición na "enerxía e inquina" que tiñan os dous actos de agresión.


Para Seijo, o asasino "tiña ánimo de matar na primeira e na segunda agresión" e, ao non conseguir o seu obxectivo na primeira das agresións, "foi rematala" cando estaba convalecente no CHUO.


A DEFENSA SOLICITA SETE ANOS


Pola súa banda, a defensa solicita sete anos, tres no caso de lesións polo suceso acaecido o 2 de abril de 2015, e catro no caso de homicidio, onde propón a atenuante de trastorno mental transitorio. A defensa destacou que na agresión que tivo lugar no domicilio familiar se o seu cliente non avisase aos servizos de emerxencia "a muller morrería".


O agresor chegou á Audiencia Provincial escoltado pola Policía e permaneceu en silencio durante toda a sesión. Ao comezo da sesión, persoal de Xustiza quitoulle a viseira que loce sempre.

relacionada Fiscalía pide 39 anos de prisión para o verinés acusado de asasinar á súa muller no CHUO

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE