Un artigo dos empresarios de Sada equipara homosexualidade e incesto
O presidente dos empresarios ve "correcto" e "valente" o artigo escrito polo secretario e tesoureiro do colectivo.
"Unha cousa é o homosexual discreto e respectable e outra moi distinta o maricón ostentoso". É o broche final a un artigo asinado polo secretario e tesoureiro da asociación de empresarios de Sada, Eduardo Lorenzo, e publicado na revista Mariñán, un xornal da agrupación. O título do desafortunado escrito xa prometía: 'A homosexualidade é pecado'. Nesta peza de opinión, o avogado de Sada non dubida en comparar abertamente a homosexualidade co incesto e a poligamia, un símil que incendiou inmediatamente as redes.
A celebración do Día do Orgullo Gai en Madrid parece molestar ao articulista, quen a describe como un desfile no que "pululan o grotesco, o carnavalesco, con enxendros, andróxinos e estróxenos con patas", afirma Lorenzo, que ademais critica que os homosexuais se converteran nun "fenómeno pouco menos que intocable".
O secretario dos empresarios escúdase na tan recorrida liberdade de expresión para xustificar as súas palabras, que ademais defende o presidente da Asociación de Empresarios de Sada, argumentando que lle parecen "correctas e valentes".
Escribe o teu comentario