Rueda: "Os de Podemos e as mareas están a fregar as mans"
O vicepresidente da Xunta aproveita o resultado das primarias do PSOE para lanzar outro dardo a Abel Caballero.
O presidente do PP de Pontevedra e vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou que "os de Podemos e as mareas están a fregar as mans" co regreso de Pedro Sánchez a Ferraz, tras gañar o pasado domingo as primarias do PSOE.
"Se eu pensase desde un punto de vista puramente egoísta de partido como PP, pois probablemente estariamos moi contentos porque a sensación de desunión que transmitiu o PSOE, tanto na campaña das primarias como agora pedindo vinganza algún dos derrotados, non fai augurar nada bo para o Partido Socialista", opinou o dirixente popular nunha entrevista en Radio Galega.
Con todo, remarcou, "España e Galicia necesitan un Partido Socialista forte e coherente" e "non un Partido Socialista en mans das mareas de Podemos". Neste sentido, instou aos socialistas a decidir se "se queren botar en brazos das mareas de Podemos e quedar reducidos á insignificancia" ou "queren ser ese partido serio que Galicia necesita e quere chegar a acordos importantes [...] co partido que gañou as eleccións".
Neste contexto enmarca a posición que adopte o PSOE en relación á moción de censura que presentou Podemos contra Mariano Rajoy, que atribúe á "insustancia que hai detrás de quen está todo o día montando circos". "Podemos vive do política espectáculo. Toman o Parlamento coma un circo e a seguinte función é a moción de censura", denunciou.
Sobre as primarias socialistas, Alfonso Rueda interpreta que o "gran derrotado" é o alcalde de Vigo: "A militancia socialista en Vigo non seguiu a Abel Caballero. Iso é o que di o resultado das primarias. Se gañase as eleccións en Vigo e na provincia de Pontevedra, Abel Caballero e Carmela Silva non falarían doutra cousa. O feito de que dixesen que non queren falar unha palabra fala ben ás claras de que senten desautorizados".
Escribe o teu comentario