Galicia contará con catro xulgados especializados en cláusulas chan
Estarán en Vigo, A Coruña, Ourense e Lugo pero cabe a posibilidade de especializar outros en función das necesidades que se detecten.
A Comisión Permanente do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ) aprobou este xoves, por 6 votos a 2, a especialización dun total de 54 xulgados de Primeira Instancia, un por provincia na península e un en cada unha das principais illas dos arquipélagos canario e balear, que a partir do 1 de xuño coñecerán, de maneira exclusiva e non excluínte, os litixios relacionados con cláusulas chan, vencemento anticipado, intereses moratorios, gastos de formalización de hipoteca ou hipotecas multidivisa.
O CGPJ leva así a efecto o plan de urxencia no que empezou a traballar en febreiro para facer fronte ao previsible aumento de litixios sobre cláusulas abusivas en escrituras hipotecarias como consecuencia da sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TJUE) do 21 de decembro de 2016 en relación coas cláusulas chan, como lembrou o CGPJ nun comunicado.
O plan estará inicialmente en vigor do 1 de xuño ao 31 de decembro de 2017, pero poderá prorrogarse se é necesario.
No caso de Galicia os xulgados especializados son o Xulgado de Primeira Instancia número 7 da Coruña, o Xulgado de Primeira Instancia número 2 de Lugo, o Xulgado de Primeira Instancia e Mercantil número 4 de Ourense e o Xulgado de Primeira Instancia número 14 de Vigo.
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) aclarou que o acordo sobre este plan contempla a posibilidade de especializar máis xulgados na mesma cidade ou noutra distinta dentro da mesma provincia en función das necesidades que se detecten.
FLEXIBILIDADE
A medida que se vaian coñecendo as cifras de ingreso de asuntos nos órganos especializados, o CGPJ fará unha valoración axustada das necesidades, de maneira gradual e flexible, que será inmediatamente comunicada ao Ministerio de Xustiza e ás Comunidades Autónomas con competencia nesta materia. Iso permitirá acomodar os medios persoais e materiais de cuxa dotación son responsables estas Administracións ás necesidades que vaian xurdindo no desenvolvemento do plan de urxencia, "coa necesaria flexibilidade".
Así, o plan contempla distintas medidas de reforzo para os xulgados especializados, tendo en conta que estes órganos xudiciais continuarán ocupándose de todos os procedementos actualmente pendentes ante os mesmos ata a súa conclusión.
Se o ingreso de asuntos é superior, o órgano xudicial poderá contar cun 'xulgado bis' servido por un ou máis xuíces de reforzo, así como cos letrados da Administración de Xustiza e funcionarios que se necesiten, o que se determinará nas avaliacións mensuais que se irán realizando.
XUÍCES DE REFORZO
Nun primeiro momento, serán os 65 xuíces en prácticas da 67 promoción da Escola Xudicial, que recibiron formación específica sobre a materia para reforzar os seus coñecementos e garantir menores tempos de resposta, quen realice preferentemente estas funcións de reforzo nos órganos especializados.
Con todo, no caso de que os presidentes dos Tribunais Superiores de Xustiza consideren que nos xulgados especializados non existe carga de traballo suficiente, estes xuíces realizarán funcións de reforzo transversal no resto dos órganos da provincia, resolvendo os asuntos desta natureza que tivesen entrada antes do 1 de xuño.
Os xuíces en prácticas distribuíronse por Comunidades Autónomas da seguinte forma: 11 en Andalucía, 2 en Asturias, un en Baleares, un en Canarias, un en Cantabria, 5 en Castela e León, 4 en Castela-A Mancha, 6 en Catalunya, 9 na Comunidade Valenciana, 2 en Estremadura, 5 en Galicia, 8 en Madrid, un en Murcia, 4 en Navarra e 5 no País Vasco.
XA HAI REFORZOS ADSCRITOS
Os xulgados especializados de 15 grandes cidades xa contan cun xuíz en prácticas adscrito como reforzo, que desde o 1 de xuño comezará a resolver os asuntos da materia obxectos de especialización.
Os órganos xudiciais que contarán desde o inicio con este reforzo son os de Málaga, Sevilla, Zaragoza, Las Palmas de Gran Canaria, Valladolid, Toledo, Barcelona, Alacante, Valencia, A Coruña, Vigo, Palma, Madrid, Murcia e Bilbao. No resto do territorio nacional, os xuíces de reforzo incorporaranse a partir desa data, en función da entrada de asuntos que se rexistre en cada órgano especializado.
Escribe o teu comentario