O 'Encontro Artes pola Integración' regresa á Coruña
A sexta edición desenvolverase do 8 ao 11 en diferentes espazos da cidade, con espectáculos, exposicións e talleres.
O 'Encontro Artes pola Integración' regresará á cidade da Coruña cunha nova edición, a sexta, que se desenvolverá desde o 8 ao 11 de xuño en diferentes espazos da cidade herculina.
En rolda de prensa, a directora do festival, Carlota Perez, xunto, entre outros, ao director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, deu a coñecer a programación de esta iniciativa importante desde o punto da inclusión social.
Exposicións, espectáculos, conferencias ou talleres combinaranse en diferentes espazos da Coruña co obxectivo de crear vías de acceso bidireccionais entre artistas e persoas con diversidade funcional ou psicolóxica.
Entre os obxectivos do proxecto destaca a utilización de diferentes manifestacións artísticas para logar a inclusión a través das artes visuais, a literaria, o teatro ou a música. Disciplinas que se darán cita na Coruña durante este festival.
AS ARTES ESCÉNICAS, PROTAGONISTAS
"É fundamental falar de inclusión e visibilizala", comentou a directora deste festival que arrinca o xoves 8 de xuño cun espectáculo multidisciplinar que profunda na interconexión entre cerebros.
Na programación, na que destaca o papel das artes escénicas como vehículo integrador, tamén se inclúe unha intervención en espazos urbanos, en concreto na Cidade Vella; ou a proxección dun proxecto dedicado ao diálogo artístico en persoas con discapacidade intelectual.
A programación do VI 'Encontro Artes pola Integración' complétase con exposicións de diversos formatos, teatro e música. Pero tamén haberá cabida para a formación a través de conferencias e talleres.
Escribe o teu comentario