Replican en pedra unha moeda xacobea que lembra o paso dos restos do Apóstolo polo Grove
A Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra elabora unha escultura dun diámetro de 1,20 metros da moeda do s. XII atopada no xacemento Adro Lanuxe.
Moeda orixinal que replicarán os canteiros// @depo_es
Unha réplica en pedra dunha moeda xacobea do século XII, atopada no xacemento de Adro Vello, lembrará o paso polo municipio do Grove dos restos do Apóstolo cara a Santiago.
Con este fin, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada pola deputada responsable da Escola de Cantería, Montse Magallanes, subscribiu un convenio de colaboración coa o párroco de San Vicente do Grove, Juan Ventura Martínez, e ao alcalde da vila, José Antonio Cacabelos, para a execución desta réplica.
A Escola de Cantería da Deputación está a elaborar esta escultura dun diámetro de 1,20 metros, en granito silvestre galego, que se instalará no xardín do atrio da Igrexa de San Vicente, situada moi preto do xacemento de Adro Vello, cunha lenda na que se dará conta do significado da moeda xacobea, atopada na década dos 80 do século pasado.
A moeda orixinal, de vélaro (mestura de prata e cobre), mostra de perfil o corpo do Apóstolo Santiago en barca xunto a dúas figuras que serían dúas dos seus discípulos que o trouxeron a Galicia. A peza, emitida durante o reinado de Fernando II, conta coa inscrición "S IACOBI" (Sancti Iacobi) e atópase no Museo Diocesano da Catedral de Santiago de Compostela.
Carmela Silva manifestou o "valor incalculable" do achado do mesmo xeito que fixo o rexedor do Grove, "xa que dá testemuño do percorrido realizado polos restos do Apóstolo" en dirección á capital galega e pon en valor a súa entrada a Galicia a través do mar.
Pola súa banda, Ventura Martínez profundou na historia da moeda atopada no Adro Vello, "o testemuño máis antigo que existe do traslado dos restos do Apóstolo cara a Santiago" e que "lle dá veracidade a algo que ata o momento era unha tradición".
Escribe o teu comentario