Máis de 80 pilotos participarán no 'Rally Terra da Auga 2017'

A deste fin de semana é a única proba galega puntuable para o Campionato de España de Rallyes de Terra.


|

Alcaldesrallyterraauga


O 'Rally Terra da Auga 2017', única proba galega puntuable para o Campionato de España de Rallyes de Terra, celebrarase este venres 26 e o sábado 27 de maio nos concellos de Arzúa, O Pino, Touro e Boimorto. Coa inscrición xa pechada, a escuadra organizadora A.D.N. Motor, en colaboración coa escuadra Talleres Galicia Sport, confirmou que correrán a cita 83 pilotos chegados de diversos puntos da xeografía española.


Tal e como informa a organización nun comunicado, a proba contará coa participación do Citroën DS3 R5 dos vixentes campións do Nacional de Terra, Álex Villanueva e Óscar Sánchez, o Toyota Aygo de Víctor Grasa e Sergio Cerezo, Rubén Lapuente e 'Kuku' Noriega co Peugeot 208 R2 e o equipo local formado por Javier García e Regina Castro aos mandos dun dos Históricos que participarán na proba, un Opel Ascona 400.


Co programa horario e os tramos definidos, a terceira proba do Campionato de España de Rallyes de Terra arrincará o venres 26 co shakedown optativo para os equipos que queiran afinar as súas máquinas na contorna da igrexa de Loxo (Touro) e que se disputará desde as 15:00 horas.


Unha vez finalizado o tramo de probas, os participantes dirixiranse cara ao parque pechado, situado na Praza da Feira en Arzúa, onde o primeiro dorsal tomará a saída cara ao tramo inaugural ás 19:00 horas. Este primeiro envite, denominado 'Talleres Galicia- Arzúa', terá unha lonxitude de 12 quilómetros e marcará as primeiras diferenzas da proba.


Tras a primeira especial, os equipos regresarán a Arzúa para realizar unha cerimonia oficial de saída, de novo na Praza da Feira a partir das 21:00 horas. O grupo de gaitas Castro Curbín, de Arzúa, fará máis vistosa a cerimonia presumindo da música tradicional da comarca. Ademais, entregarase a cada equipo un queixo con denominación de orixe Arzúa Ulloa, grazas ao apoio do Consello Regulador Denominación de Orixe Protexida Arzúa Ulloa.


O sábado 27, a partir das 10:00 horas, comezará a acción coa saída desde o centro de lecer Dona-Dana de Touro, para disputar dous tramos a dobre pasada, nas inmediacións de Touro (12 quilómetros, tramo 'Gadis- Fonte Díaz') e O Pino (15 quilómetros, tramo 'Ya-Car-O Pino'). O reagrupamento do mediodía será en Pedrouzo, parroquia do Concello do Pino, onde estarán os vehículos expostos mentres os participantes aproveitarán para repoñer forzas.


A sección de tarde comezará ás 15:50 horas tras efectuar os equipos as labores pertinentes na asistencia, e afrontar dúas pasadas ao tramo 'Complexo Dona Dana- Touro', o máis longo da proba con 17 quilómetros, nas inmediacións do cruzamento de Vilar. O Rally Terra da Auga terminará cunha segunda pasada ao mesmo tramo do venres en Arzúa, tras o cal se regresará á Praza da Feira arzuá aproximadamente ás 19:30 horas, para finalmente sobre as 20:30 horas celebrar a cerimonia de entrega de premios co acompañamento musical en directo da Banda de Música de Arzúa.


Por tanto, o Rally Terra da Auga contará con algo máis de 100 quilómetros contra o crono, divididos en oito especiais, sobre pistas algo máis anchas e rápidas que as que se utilizaban no Terras do Mandeo nas súas edicións de 2014, 2015 e 2016.


PRESENTACIÓN OFICIAL EN BOIMORTO


A organización do rally celebrou onte pola tarde a presentación oficial da proba no Colexio Armando Cotarelo Valledor de Boimorto. O acto contou coa presenza da secretaria Xeral para O Deporte da Xunta de Galicia, Marta Míguez, e os alcaldes de Touro, Ignacio Codesido; de Arzúa, José Luis García; do Pino, Manuel Taboada; e de Boimorto, María Jesús Novo. E do ámbito deportivo, tamén estiveron presentes varios pilotos que participarán na proba, como Amador Vidal, Alberto Otero, Javier García, Antonio Otero e Josín Novo, que explicaron como afrontarán a cita galega.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE