Un 31% dos galegos considera que o glute é prexudicial para a saúde
Galicia sitúase como a segunda comunidade autónoma na que o glute ten peor imaxe entre os seus cidadáns.
Case un terzo dos galegos (31,2%) considera que o glute é prexudicial para a saúde, segundo unha enquisa realizada pola iniciativa Pan Cada Día.
Deste xeito, segundo a enquisa, Galicia sitúase como a segunda comunidade autónoma na que o glute ten mala imaxe entre os seus cidadáns, por detrás da Comunidade Valenciana e por diante de Andalucía.
En España case 500.000 persoas son celiacas e deben suprimir o glute para mellorar o seu benestar sendo, ademais, a única solución para soportar esta enfermidade autoinmune.
Con todo, existen numerosos casos nos que se prescinde do glute sen dispoñer dun diagnóstico facultativo previo, "arriscándose a padecer alteracións nutricionais no organismo que poden derivar noutro tipo de doenzas, como diabetes tipo 2", segundo advirte a iniciativa Pan Cada Día.
Así, engaden que expertos en nutrición "afirman que hai 10 veces máis persoas facendo dieta con restrición de glute que as que realmente son diagnosticadas como celiacos".
Neste sentido, tamén o último estudo realizado pola Universidade Complutense de Madrid sobre hábitos alimentarios e consumo de pan e cereais constata que "preto do 50% dos casos estudados non sabe que o glute é unha proteína". De feito, un 27,5% de adultos que cre que é un hidrato de carbono, un 5,3% responde que é un tipo de graxa e un 15,9% que non sabe.
DIETA EQUILIBRADA
Isto pode deberse a que na actualidade, segundo Pan Cada Día, "existe unha corrente antigluten, que fomenta a súa eliminación da dieta en persoas sas, co fin de sentirse mellor e mesmo perder peso, pero o certo é que non existe evidencia experimental que xustifique o emprego deste tipo de dietas en persoas sen enfermidade celiaca ou sensibilidade ao glute".
Por iso, e en base ao resultado da enquisa realizada por Pan Cada Día, "é importante resaltar a importancia de acudir a un médico especialista, levar a cabo unha dieta equilibrada e practicar exercicio de maneira continua", segundo subliñan.
Escribe o teu comentario