A Real Sociedad estraga no desconto a despedida de Berizzo
(2-2). O Celta di adeus ao adestrador que os fixo soñar con Europa sen poder dedicarlle a última vitoria.
Último domingo de Berizzo no banco celeste. //Foto: RC Celta
O Celta di adeus a Berizzo cun empate que sabe a pouco para despedirse do adestrador que os fixo soñar con Europa e cun título. Aos celestes escapoulles a vitoria no desconto, ante unha Real Sociedad que si pelexaba por meterse na Europa League.
Os de Berizzo adiantáronse en dúas ocasións, con tantos de Iago Aspas, de penalti, e de Hjulsager, pero o conxunto donostiarra repúxose aos dous golpes conseguindo a igualada.
Con cánticos de "Mouriño vaite xa" ou "Berizzo si, Mouriño non" na bancada, o Celta comezou amarrando a posesión, ata que a Real Sociedad foi gañando protagonismo e creando perigo. O último tramo da primeira metade foi dos vascos.
Tras o descanso o Celta gozou de ocasións coa entrada de Jozabed, aínda que o gol chegou desde os once metros, obra de Aspas, que correu a abrazarse co seu adestrador. Logo, as ansias donostiarras por empatar viron premio no minuto 80.
Os celestes, fieis ao seu estilo, seguiron buscando o gol, e chegou. Aínda que pouco durou a alegría, pois a Real conseguiu no desconto o seu ansiado tanto que os mete en praza europea.
Escribe o teu comentario