Tractorada en Viana do Bolo para denunciar a falta de apoio da Xunta tras as xeadas
UUAA alerta de que o frío acabou coas colleitas de centeo e castaña, cunhas 500 familias afectadas no Leste da provincia.
Máis de 200 tractores tomaron este venres as estradas de Viana do Bolo (Ourense) en protesta pola falta de axudas da Xunta para os produtores de castaña e cereal, así como apicultores afectados polas xeadas do mes de abril.
Gandeiros e produtores dos seis municipios do Leste da provincia responderon á convocatoria realizada polo sindicato Unións Agrarias (UUAA). Percorreron Viana do Bolo e varias estradas da comarca ata desembocar en Augas Mansas, onde tivo lugar a lectura dun manifesto.
Os produtores da zona reclaman axudas por parte das institucións e lamentan que un mes despois das xeadas que afectaron aos seus cultivos non recibiron ningún tipo de apoio institucional.
A responsable comarcal de UUAA, María Páez, explicou que a xeada do 27 de abril acabou co "100% da produción de castañas e cereais", e tamén afectou aos produtores de mel, porque desde entón apenas houbo floración.
"Tivemos que sacar os tractores para que se saiba como estamos" dixo Páez, que insistiu en que sen axudas moitas explotacións non poderán manterse este ano.
Así mesmo, explicou que o frío levou por diante a colleita de centeo e de forraxe co que se esperaba manter ao gando. A situación "é similar" no caso das castañas, que supoñían un apoio á economía de moitos produtores.
UNHAS 500 FAMILIAS AFECTADAS EN SEIS CONCELLOS
Unións Agrarias cifra en unhas 500 familias as afectadas nos seis concellos que compoñen o oriente da provincia e que se suman ás demandas dos viticultores que tamén viron moi minguada a colleita deste ano por as intensas xeadas de abril.
Paéz lamentou que a diferenza do que ocorreu co viño, os produtores de castaña e de centeo non recibiron ningún tipo de apoio ou visita por parte de representantes do Goberno galego.
"Se agora veñen que o fagan con algo, que veñan con solucións", pediu a responsable de UUAA. Os produtores da zona confirmaron que participarán en máis actividades de protesta e que o martes participarán nunha concentración convocada polas denominacións de orixe en Ourense.
Escribe o teu comentario