Desaloxan unha escola infantil de Vigo por un incendio na súa fachada
O lume, de escasas dimensións, calcinou uns cables do edificio. Non houbo ningún ferido.
Os sete alumnos da escola infantil de Bouzas, en Vigo, foron desaloxados na mañá deste xoves ao declararse un incendio de escasas dimensións no seu centro, pero non houbo feridos segundo informou o 112 Galicia.
O servizo de emerxencias recibiu unha chamada dos responsables da escola minutos despois das 8,00 horas deste xoves que explicaron que o lume calcinou uns cables da fachada do edificio, situado na rúa Casiano Martínez.
Os alertantes engadiron que todos os nenos e nenas xa foran desaloxados e que todos eles se atopaban en perfectas condicións, segundo abundaron as mesmas fontes.
Por parte do Centro de Atención ás Emerxencias do 112 alertouse aos Bombeiros de Vigo e á Policía Local. Tamén se informou, por precaución, a Urxencias Sanitarias de Galicia-061.
Escribe o teu comentario