Santiago conmemora o éxodo palestino coa proxección de 'The time that remains'
A película retrata, a través dunha historia familiar, a vida dos palestinos tras a guerra árabe-israelí de 1948.
A Fundación Araguaney-Ponte de Culturas conmemora este luns 15 de maio o 69 aniversario da Nakba Palestina coa proxección da película 'The time that remains', que terá lugar ás 20,00 horas no salón da Camelia do hotel Eurostars Araguaney.
En contreto, Nakba é un termo árabe que significa catástrofe ou desastre e que se utiliza para designar o éxodo palestino. Segundo a Axencia das Nacións Unidas para os Refuxiados Palestinos (UNRWA), son refuxiados palestinos as "persoas cuxo lugar de residencia habitual era o Mandato Británico de Palestina entre xuño de 1946 e maio de 1948 e que perderon as súas casas e medios de vida como consecuencia da Guerra árabe-israelí de 1948".
'The time that remains' (2009), unha coprodución de Francia, Bélxica, Italia e Reino Unido de 109 minutos, é unha película estruturada en catro episodios históricos, duns 20 minutos cada un e separados por un fundido negro, nos que se relata de maneira semiautobiográfica a vida da familia de Elia Suleiman en Nazaret, desde 1948 ata o século XXI.
O guión, segundo precisou a Fundación Araguaney nun comunicado, baséase nos diarios do seu pai desde a rendición de Nazaret na guerra árabe-israelí de 1948, concretamente nas cartas que súa nai enviaba aos familiares que tiveron que deixar o país e nos recordos do propio director.
A través desta historia familiar, o director tenta retratar a vida dos palestinos que se converteron en árabes israelís tras decidir quedar no seu país.
Escribe o teu comentario