Ao PP non lle basta a poboación de Ourense para restablecer a cirurxía pediátrica do CHUO
Unha xubilación e un traslado deixaron o hospital cun só cirurxián pediátrico. A solución do Sergas, mandar os nenos a Vigo.
BNG, PSdeG e En Marea, a iniciativa dos socialistas, pediron á Xunta que restableza "de forma urxente" o servizo de cirurxía pediátrica 24 horas no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) durante os 365 días do ano, unha demanda que foi rexeitada polos populares galegos que consideran que "se cumpren sobradamente" os cocientes de atención.
A proposición non de lei foi defendida pola deputada socialista Noela Blanco este xoves na Comisión de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento de Galicia, onde denunciou que "o Goberno de Feijóo xerou no CHUO problemas onde había servizos que funcionaban ben".
"O que pasou no hospital de Ourense non foi unha fusión, foi unha supresión", censurou a parlamentaria do PSdeG, que lembrou que este complexo contaba con "tres cirurxiáns pediátricos en 2013" pero que, tras a xubilación dun deles e a solicitude de traslado doutro, o cadro de persoal quedou "tan reducido" que "non se podían seguir ofertando gardas".
Esta situación, conforme sinalou, "obrigaba á xerencia á reposición das vacantes pero, en lugar diso e ante a sorpresa e desgusto da cidadanía, anunciou que se suprimía este servizo". Así, indicou que, desde setembro de 2013 os nenos que necesiten unha intervención cirúrxica "fóra do horario de mañá, en fin de semana ou festivo" teñen que trasladarse a Vigo. "Co esforzo e os custos adicionais que isto supón", sinalou.
APOIO DE BNG E EN MAREA
A petición dos socialistas galegos contou co respaldo tanto do Bloque como de En Marea. Deste xeito, en primeiro lugar, a nacionalista Montse Prado censurou que os "recortes do PP" teñan "consecuencias reais" que van "en detrimento da calidade asistencial".
"Cando se destinan menos recursos á sanidade e iso significa menos profesionais, menos servizos e investimento, a consecuencia directa é unha menor calidade asistencial", incidiu para denunciar tamén as dificultades que xera ás familias ter que desprazarse a Vigo para recibir este tipo de atención médica.
Nesta liña, a deputada de En Marea Eva Solla cualificou de "intolerable" que a Xunta "poña en perigo a vida de persoas" por "non asumir un servizo". "Este servizo segue sendo necesario, é bastante habitual no PP dicir que xa non hai demanda cando deixa de haber protestas", considerou.
REXEITAMENTO DOS POPULARES
Ante as críticas da oposición, a parlamentaria popular Encarna Amigo acusou ao BNG, ao PSdeG e a En Marea de querer "xerar alarma e desconfianza". "Coa saúde non se pode xogar", advertiu a deputada do PPdeG para asegurar que en Galicia hai catro servizos de cirurxía pediátrica que "cumpren sobradamente os cocientes".
Neste sentido, argumentou que a decisión de sumar os recursos cos da área de Vigo, onde agora son atendidos durante as 24 horas os nenos que necesiten unha intervención cirúrxica de Ourense, tomouse "en base ao despoboamento" e á "falta de demanda do servizo".
Así, lembrou que en 2012 interveuse cirurxicamente en Ourense unha media "dun neno á semana", "64 en total". "Das intervencións non programadas, 29, o 45,3% foi en xornada ordinaria", apuntou.
Ademais, tamén precisou que, aos seis meses, "fíxose unha valoración" que foi "positiva" e a que se desprendeu que "o 98% dos nenos foron atendidos en Ourense" e só o resto "derivado a Vigo pola súa complexidade". "Os médicos e os técnicos son os que teñen que opinar e comparten que derivar a Vigo nos casos necesarios mellora a calidade de prestación e garante a asistencia", apuntou.
Escribe o teu comentario