A xeada nas vides galegas

Benito Eladio Rodriguez
Colaborador

Benito Eladio Rodríguez Fernández.


Empresario, adegueiro, cosecha vinos mediante agricultura biodinámica.

Propietario de Adega do Eladio, en Beade(Ourense).

Poeta y escritor 


Videsxeada


Veño de ler nos diarios galegos estes últimos días diferentes artigos que falan da grande calamidade ocorrida nas DO produtoras de viño da provincia de Ourense, particularmente.


O caso é que este acontecemento non é un caso illado na historia da viticultura galega, senón que vén acontecendo cada certo tempo, dez, quince, vinte, trinta anos; imprevisíbel, que confirma que aínda non estamos no trópico, malia que se perciba o incremento da temperatura media, co gallo do tan cacarexado cambio climático. Aínda aparecen uns picos de baixa temperatura, entre o abril e o maio longo, que conxelan os gromos das videiras, e estragan a colleita correspondente. Aínda recordo aquela do 83 ou 84, no 8 de maio, que os gromos tiñan unha lonxitude de 40 ou 50 centímetros. Non quedou nada! Os gromos degolaron sen vida e a colleita perdeuse nun 90%. Fan falla estratexias e alertas preventivas, como no caso de Francia.


Endexamais houbo a máis mínima axuda para o mundo da viticultura; aquí o que si sabemos é que sempre se pagaron impostos: chegou o romano e o primeiro que fixo foi contar cantos eramos, darlle atribucións a uns recadadores e levar cartos para a metrópole; o recadador quedaba cunha boa tallada e tiña o apoio do exército. Na Idade Media, outro tanto do mesmo, só que neste caso había que repartir coa relixión, instaurada por Constantino O Grande, que sempre se arrimou ao poder porque era quen lle daba de comer e privilexios. Cos reis casteláns chamados Católicos, Galicia quedou decapitada, a nobreza tivo que pregar por postos no aparato administrativo castelán e renegar da súa cultura e fala. Menos mal que parte de esa cultura tivo a forza de non se deixar asimilar por Castela e seguiu o seu camiño en Portugal. Perante máis de trescentos anos non houbo xuíces,nin escribáns, nin autoridades relixiosas e militares galegas; iso si, Galicia pagou un 35% máis de impostos per cápita ca Castela. Coa caída do Antigo Réxime e a chegada do liberalismo, o agro galego tivo que emigrar ás Américas para redimir os foros, unha grande epopea, aínda non documentada como se merece, un grande e colosal fito, co que conseguirían facerse con terras de seu e acceder a unha suposta independencia económica, feito que deu lugar ao minifundio.


Pero, como se vai medrar economicamente, nunha economía de subsistencia, se non hai excedente? Non entanto había que pagar impostos e mandar aos mozos á guerra.


Estes aconteceres foron percibidos e retratados polos nosos poetas, léase Curros Enríquez no célebre poema "Aí vén o Maio" ou Rosalía:


“María, eu son mozo,

pedir non me é dado;

eu vou polo mundo,

para ver de ganalo”


Houbo que emigrar daquela, despois da guerra civil e na actualidade. O agro produtivo endexamais recibiu axudas, nin directas, nin indirectas. Sempre se recadaron impostos do agro. Meu pai tivo que emigrar a Venezuela no 1955, por causa dunha xeada. As perdas causadas pola xeada resolvíanse endebedándose e emigrando.


Nos anos sesenta do século pasado saíron principalmente do agro, cara a Europa, máis de 600.000 galegos, que xa non regresaron á súa casa na aldea, senón que compraron piso para irse ás capitais galegas e foráneas, deixando fillos no estranxeiro; non vían futuro no agro. Así foi abandonada e rebentada unha cultura que chegaba dende a Idade do Ferro, algo extraordinario e sen parangón; unha vida en contacto coa Natureza, unha maneira de ser e de entender o mundo; todo co gallo de xuntar á xente nos formigueiros urbanos, para dominalos co márketing e recadar máis facilmente impostos. Os recursos acadados polos emigrantes foron quen de financiar o desenvolvemento e crecemento das urbes galegas á costa do abandono do agro. Vigo tiña arredor de 10.000 habitantes no 1870.


Os nosos avós e bisavós, que crearon as Irmandades da Fala e os movementos galeguistas, que eran conscientes da importancia de ter un goberno propio que velara polos intereses dos galegos, quedarían abraiados ao comprobar o paradoxo de ser gobernados polas forzas contrarias a ese goberno propio. E agora resulta que o agro vive subsidiado e non sexa que se acomoden por ter recibido tantas axudas, querse dicir, ningunha; e que o noso goberno autonómico é de Muros e non vai con eles xa que non teñen atribucións para solucionar os problemas dos galegos, cando os teñen? Para que serve un goberno propio se non para resolver problemas? Ou para manter un exército de funcionarios e políticos aos que nunca a xeada lles quita o 80 ou 90% dos seus ingresos anuais? Que pasaría se os asalariados dos sectores industriais ou do sector servizos se viran privados do 80% dos seus ingresos anuais? Que pasou cando a crise do sector naval, en Galicia, afectou a milleiros de obreiros? Non xubilaron á xente aos 45 anos con fondos do estado? Ou na recente crise bancaria, non se endebedou o Estado deica o pescozo para salvala?


Que saiba a xente do agro que nos tratan desigualmente e non respectan os nosos dereitos!


Se os galeguistas tiveran cinco deputados nas cortes centralistas, buscarían os cartos baixo das pedras e o problema estaría resolto.


Aquí, as únicas axudas que houbo aos viticultores e produtores foron aquelas utilizadas para o cambio de plantacións de castes foráneas polas castes autóctonas, vindo en parte de Europa, axudas escasas pois nunca cobren a produción que se perde nos cinco anos que tardan en producir, de novo, os bacelos replantados. Ese custo asúmeo o viticultor.


Pois non, os habitantes do agro non nos conformamos con ser cidadáns de terceira!


Na vida dos grupos humanos, poden ocorrer acontecementos catastróficos, como os que estamos tratando, pero nestes casos deben de habilitarse mecanismos solidarios que garantan as perdas ocasionadas pola climatoloxía. Casos hai no mundo asalariado e ben recentes: cando se produce a ruína dunha empresa e os traballadores quedan sen percibir os seus salarios, o Fondo de Garantía Salarial faise cargo de abonar salarios e indemnizacións perdidas. Así aconteceu na recente crise económica onde o 'Fondo' foi superado economicamente, tendo que facerse cargo o Estado das obrigas salariais legais.


No caso da xeada acontece o mesmo e non vale dicir que hai seguros agrarios, pois estes son caros e as rendas percibidas pola venda das uvas non cobren os gastos das pólizas do seguro.


Como van querer os meus fillos vivir no agro e da viticultura se non son tratados cos mesmos dereitos e coberturas sociais que na cidade? Que se pretende? Que as trinta mil aldeas queden abandonadas e desertas, para que logo veña o capital e compre, a prezo de saldo, as fértiles terras do viño, que son escasas, para facer grandes adegas industriais? Se é iso o que se quere, dende logo, vaise polo camiño máis rápido pero, perderíase moito: unha cultura milenaria e unha calidade difícil de conseguir a escala industrial, ademais de moitas explotacións de colleiteiros novos que veñen con forza e reclaman os seus dereitos a poder vivir, do seu esforzo, en igualdade de dereitos que os habitantes urbanos.


BIBLIOGRAFÍA

La batalla por el vino y el amor: O Cómo salvé al mundo de la parkerización, Alice Feiring

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE