O PP prefire enfrontarse nunhas eleccións a un PSOE liderado por Sánchez
Cren que Rajoy gañaría os votantes máis centristas, aínda que a curto prazo lles interese o "sentido de Estado" de Susana Díaz.
Diferentes dirixentes do PP consultados por Europa Press admiten que a medio e longo prazo benefícialles que Pedro Sánchez tome de novo as rendas do PSOE porque escoraría o partido á esquerda e deixaría para Mariano Rajoy tanto o centro-dereita coma o centro-esquerda. Ademais, consideran que o ex secretario xeral dos socialistas é un rival máis fácil de superar nas urnas que a andaluza Susana Díaz.
O PP está a seguir atento o proceso interno en que está inmerso o PSOE para elixir o seu líder e que culminará coa celebración de primarias o próximo 21 de maio. E non ocultan a súa sorpresa ante o feito de que, a pesar de que a presidenta da Junta de Andalucía 'controla' o aparello do partido, só presentou 6.000 avais máis que Sánchez, o que augura unha dura pugna por dirixir o Partido Socialista.
Nas filas do PP recoñecen que se miran a curto prazo, o mellor para Rajoy é unha vitoria de Díaz. "Non creo que sexa máis branda que Sánchez, pero tería sentido de Estado e non se botaría nos brazos de Podemos", resume un veterano dirixente, que augura que co ex líder do PSOE acurtaríase a lexislatura e Rajoy podería verse abocado adiantar as eleccións.
"Se gaña Susana, é bo para España pero malo para o PP", agrega outro cargo 'popular', que ve na presidenta andaluza unha candidata máis difícil de derrotar nuns eventuais comicios porque estaría en condicións de disputar o voto de centro ao Partido Popular.
VANTAXE DA POLARIZACIÓN
As mesmas fontes sosteñen que a medio e longo prazo un triunfo de Sánchez beneficiaría os 'populares': o PSOE escoraría e pasaría a disputar o voto de esquerda a Podemos, mentres que a formación liderada por Rajoy converteríase na opción máis atractiva para todos os votantes de centro, que son os que ao cabo terminan decidindo o resultado nas eleccións xerais, segundo as análises do PP.
Algúns membros deste partido teñen a convicción de que con Pedro Sánchez á fronte, o PSOE seguirá os pasos doutras emblemáticas forzas socialdemócratas que sucumbiron en distintas eleccións celebradas en Europa, coma o PASOK grego, os laboristas en Reino Unido ou, máis recentemente o Partido Socialista francés, que pasou de gobernar a colleitar só o 6% dos votos na primeira volta dos comicios galos.
E nese escenario de polarización, no PP cren que teñen máis posibilidades que Ciudadanos (Cs) de captar ese voto de centro-esquerda. "O sarampelo que provocaron os populismos e novos partidos coma o de Albert Rivera ten o percorrido que ten e iranse diluíndo co tempo", vaticina un dirixente 'popular'.
SEN FACTURA POLA CORRUPCIÓN
Fontes do PP consideran que os novos episodios de corrupción que se coñeceron estas semanas, como a chamada 'Operación Lezo' non lles pasará factura se as eleccións xerais son máis adiante porque os cidadáns "empezan a percibir" que o PP está a axudar a que se destapen eses casos, aínda que lles "prexudiquen enormemente". "Hai corrupción, pero afloran os casos. Saen cun Goberno do PP e antes non pasaba", resume unha das persoas consultadas.
Escribe o teu comentario