Unha perigosa moda leva a adolescentes a facerse fotos no ático do Garañón
A edificación, paralizada por orde xudicial, converteuse nun improvisado miradoiro fotográfico onde os mozos levan mesmo o botellón.
Os pais de Lugo viven atemorizados ante unha nova e perigosa 'moda' que leva a mozas e mozos a subir ao ático do Garañón, unha edificación paralizada por orde xudicial, para facerse fotos. A case corenta metros de altura, os adolescentes que seguen esta tendencia pousan co río Miño e a ponte branca ao fondo e algúns mesmo levan o botellón ás alturas. A práctica, altamente perigosa dado o estado da construción, disparou as alarmas nos fogares e tamén no consistorio local.
A alcaldesa da cidade, Lara Méndez, vén de facer un chamamento á responsabilidade individual, posto que a edificación leva precintada desde novembro de 2010 por orde xudicial. Con todo, o acceso dos menores ao edificio pon en cuestión as medidas de seguridade do edificio. De feito, non é a primeira vez que se producen incursións nas obras do Garañón, paralizadas desde hai seis anos. As torres foron fonte de sucesivas denuncias pola presenza de 'okupas' e no seu interior pódense ver pintadas que denotan o tránsito de persoas. A este respecto, a alcaldesa recoñeceu que o Concello ten competencias limitadas ao tratarse dunha propiedade privada e baixo control xudicial.
Escribe o teu comentario