Obra Social 'La Caixa' renova o seu compromiso contra o narcotráfico
O acordo coa Fundación Galega contra o Narcotráfico articularase a través de tres liñas de actuación: prevención, sensibilización e colaboración coa xustiza.
// fundacioncontraonarcotrafico.org
A Obra Social 'la Caixa' renovou a colaboración que presta á Fundación Galega contra o Narcotráfico, unha axuda que terá como destino impulsar as actividades que a fundación desenvolve en tres áreas: prevención do consumo de drogas a través do fomento de hábitos de vida e lecer saudable, sensibilización social e colaboración coa xustiza e as forzas de seguridade fronte ao narcotráfico.
Na firma deste acordo participaron o director da oficina de CaixaBank en Vilagarcía, Jorge Arias, e o presidente da Fundación, Manuel A. Couceiro, quen destacou que "o compromiso de 'La Caixa' e o seu apoio económico resultan esenciais para o cumprimento" dos fins da entidade.
"Para poder traballar e obter resultados é vital dispoñer de recursos", indicou Couceiro, quen destacou o esforzo da Obra Social por traer a Vilagarcía a exposición Falemos de Drogas.
Pola súa banda, o representante de "La Caixa" mostrou a súa satisfacción por "axudar e contribuír ao benestar da sociedade nunha zona tan sensible ao problema das drogodependencias e do tráfico de drogas", destacando a satisfacción de todos os empregados de 'La Caixa' en Vilagarcía por poder colaborar cunha das organizacións sociais de referencia.
Escribe o teu comentario