En Marea celebrará o seu segundo plenario na primeira quincena de xullo

A primeira reunión do Consello das Mareas con Villares como único portavoz rebaixa a tensión na confluencia e dá o seu respaldo á moción de cesura contra Rajoy.


|

VotacionmareaasambleaImaxe da Asemblea Constituínte de En Marea.


En Marea celebrará o seu segundo plenario na primeira quincena de xullo, previsiblemente na fin de semana do 15 e 16 de xullo nun lugar aínda por determinar. Así o acordou este sábado o Consello das Mareas na súa primeira reunión con Luís Villares como único portavoz orgánico do partido instrumental.


Ao encontro acudiron 28 dos 35 membros do Consello das Mareas, do que se ausentaron varias persoas por diversos motivos. Na reunión abriuse un prazo de presentación de achegas para a orde do día do plenario do próximo mes de xullo, no que se abordará a "planificación do traballo para seguir nos próximos meses".


Dos acordos no ámbito orgánico da formación deu conta Vitoria Esteban, quen tamén informou que o Consello das Mareas aprobou unha "repartición de funcións" dentro dos órganos de dirección da formación ruturista co ánimo de "facer máis operativo o traballo".


Segundo apuntou o portavoz orgánico de En Marea, Luís Villares, producíronse "abstencións" nas votacións sobre a asignación "dalgunhas áreas de traballo".


Con todo, como matizou Villares, nesta ocasión "votou todo o mundo" presente nese momento, ao contrario que na última reunión do órgano máximo de dirección do partido instrumental, na que algúns dos seus membros optaron por non emitir o seu voto á hora de referendar a elección da coordinadora ao considerar que a proposta -finalmente aprobada-- "excluía" algunhas das formacións integradas en En Marea.


Así as cousas, segundo informaron, a aprobación da carta financeira e outros regulamentos internos dos órganos de dirección do partido quedaron pospostos para "próximas reunións" do Consello das Mareas, que prevé reunirse con periodicidade mensual.


A preguntas dos medios sobre se o consello deste sábado serviu para rebaixar a tensión entre as diferentes sensibilidades da formación de confluencia, Luís Villares afirmou que "si". "Si rotundo, sen nada que matizar", apostilou.


APOIO Á MOCIÓN DE CENSURA


O Consello das Mareas deste sábado tamén serviu para que En Marea exprese o seu apoio á moción de censura contra o goberno de Mariano Rajoy anunciada esta semana polo grupo parlamentario de Unidos Podemos nas Cortes, onde se integran os deputados galegos da formación da esquerda rupturista.


Así, Villares asegurou que a corrupción "non é un caso illado" senón que se realiza de forma "organizada, criminal" como xa recoñecen algúns estamentos xurídicos. Por iso, xustificou o apoio de En Marea á moción de censura contra o PP, partido que, na súa opinión, "aprovéitase das institucións democráticas" e "mina a separación de poderes".


Ademais, apuntou que os "tentáculos" da Operación Lezo evidencian que "as empresas que financian o PP" fano "non só ao de Madrid, senón ao PP de España", do que forma parte "no núcleo dirixente" Alberto Núñez Feijóo.

relacionada Primeira reunión do Consello das Mareas desde a elección de Villares como portavoz
relacionada Beiras carga contra Yolanda Díaz polas críticas a En Marea

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE