Feijóo espera que Competencia analice con "celeridade" os prezos dos carburantes
A CNMC lanzou un aviso contra o decreto de vivendas turísticas, pero aínda non responde a "por que Galicia, cunha refinería, ten os prezos de carburantes máis altos de España".
O presidente da Xunta asegurou que se está analizando o requirimento da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) contra o decreto de vivendas de uso turístico e "agradeceu" que o organismo preveña "con celeridade" a Galicia de posibles problemas, aínda que, "se é posible", gustaríalle "esa mesma celeridade" para pronunciarse sobre os prezos de carburantes.
"Esta celeridade que celebro, agradeceríaa para analizar por que Galicia, cunha refinería, ten os prezos de carburantes máis altos de España", advertiu Feijóo, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta.
En todo caso, o presidente explicou que o seu Goberno acaba de recibir o requirimento de Competencia e ten un mes para analizalo e responder sobre un asunto que cualificou de "complexo". O encargo de estudar as formulacións da CNMC recibiuno a Asesoría Xurídica da Xunta.
O mandatario autonómico resaltou que hai comunidades nas que os tribunais deron a razón a Competencia neste tipo de cuestións e outras que "non". Pero remarcou que, en todo caso, o que busca a Xunta é que no sector galego de establecementos turísticos "haxa unha competencia legal".
"Que a xente que paga impostos, que ten persoal e contratos, teña unha competencia legal", recalcou, antes de engadir que o seu Executivo tamén aspira a que o turismo na comunidade sexa "da maior calidade posible".
En todo caso, sinalou que a Asesoría Xurídica ten o mandato de advertir ao seu Goberno de se hai algunha cuestión en dúbida tras analizar o requirimento de Competencia e concluíu que, de ser así, atenderíase ao que esgrima o servizo xurídico autonómico.
Escribe o teu comentario