Competencia require á Xunta eliminar as restricións ás vivendas turísticas
A CNMC considera "esaxerados" os requisitos do decreto galego e pide ao executivo que os anule ou irán aos tribunais.
A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) informou da notificación á Xunta un requirimento previo contra diversos artigos do decreto que establece a ordenación de apartamentos turísticos, vivendas turísticas e vivendas de uso turístico en Galicia.
Segundo informou nun comunicado, o requirimento que realiza a CNMC é un paso previo co que se quere evitar interpoñer un recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).
Así, a CNMC esgrime que a Xunta "está a tempo" de modificar ou anular as "restricións inxustificadas" e lembra que está "lexitimada para impugnar os actos das administracións públicas suxeitos ao dereito administrativo" e as disposicións de rango inferior a lei que impliquen "obstáculos para que exista unha competencia efectiva nos mercados".
Segundo relata, esta é a terceira vez que a CNMC emprega "a lexitimación activa por obstáculos á competencia efectiva" fronte a normas que "restrinxen o sector de vivendas de uso turístico".
De feito, lembrou que, no caso do recurso contra a normativa de Madrid, foi "estimado completamente" polo Tribunal Superior de Xustiza da Comunidade.
ANÁLISE DA NORMA
A Comisión fai unha análise de diversos puntos de decreto que, ao seu entender, supoñen "restricións inxustificadas" e alude, con respecto aos apartamentos e vivendas turísticas a que a norma autonómica "prohibe o aluguer por habitacións e limita o período de aloxamento a tres meses".
Fronte a iso, a Comisión sinala que resulta "contrario ao dereito do empresario de organizar a súa actividade" e dos cidadáns de "dispoñer dos seus bens sen restricións inxustificadas".
Tamén sinala que "subordina o acceso á actividade a un réxime de declaración responsable con características máis propias dunha autorización administrativa". Con todo, "non se xustifica a necesidade desa intervención administrativa, co consecuente custo de recursos públicos".
Engade que o decreto presenta "un catálogo esaxerado de requisitos técnicos e servizos mínimos esixidos, que non superan a análise de necesidade e proporcionalidade da regulación". Desta forma, subliña que existe "unha carga innecesaria" para operadores, que "incrementa os custos e limita a súa liberdade de autoorganización".
"Ademais, esíxese ter un distintivo, unha carga ao operador non xustificada", apostila.
VIVENDAS DE USO TURÍSTICO
En relación coas vivendas de uso turístico, a CNMC apunta que o decreto "permite que os concellos limiten o número de vivendas --ou mesmo as prohiba-- en determinados edificios ou sectores urbanísticos", o que ve "unha restrición discrecional da oferta de vivendas no seu número e variedade".
Neste ámbito, engade que tamén "prohibe a cesión por habitacións", o que supón "limitar o libre exercicio da actividade económica", á vez que "restrinxe o número e variedade de prazas de aloxamento".
A Comisión alerta, ao tempo, de que se establece un réxime xurídico diferenciado "en función de elementos temporais (estancia inferior a 30 días ou cesión de polo menos dúas veces ao ano) non xustificados", que "non superan o test de necesidade nin proporcionalidade".
A continuación, alude ao réxime de acceso á actividade (declaración responsable) "moi agravado cun conxunto de cargas adicionais que non superan a análise de necesidade e proporcionalidade", así como á esixencia dun catálogo de requisitos e servizos mínimos "abertamente discrecional" que "limita sen xustificación a liberdade autoorganizativa" dos operadores.
Escribe o teu comentario