Conde nega que exista "deslocalización" de empresas de automoción cara a Portugal
En Marea afirma que as novas factorías están a instalarse no Norte do país veciño e alerta da perda de emprego no sector.
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asegurou que "non hai ningunha empresa" de automoción que pechase en Galicia "para trasladar a súa produción a Portugal", polo que considera que "non é correcto" falar de "deslocalización" cara ao país veciño.
Así o contestou en resposta a unha interpelación do deputado de En Marea Pancho Casal á Xunta sobre que medidas vai tomar para evitar "a sangría" de emprego do sector da automoción, así como contra o que considera vulneración de normas de competencia por parte das autoridades lusas.
E é que Casal alerta da perda de 2.000 empregos na automoción desde 2010 en Galicia, nun período no que Portugal gañou 5.800 postos de traballo neste sector. "Como lle chama vostede a que todas as novas factorías se instalen no Norte de Portugal", cuestionou a Conde.
En resposta, o conselleiro garantiu que o emprego da automoción galega "está a crecer", cun aumento en 1.350 novos traballos desde 2012, ata 20.000 directos, polo que "hai máis persoas traballando que en 2009".
Tamén defendeu Conde que "Galicia está na vangarda da innovación" na automoción, cun aumento entre e 2015 e 2016 dun 50 por cento en I+D+i ata 110 millóns.
A continuación, referiuse a que o futuro do sector pasa polos dous novos modelos de PSA-Peugeot na súa planta de Vigo, que supoñerán un mínimo de incremento de facturación do 6% de empresas do sector e emprego para a próxima década.
Escribe o teu comentario