O PP rexeita pedir un inventario de bens inmatriculados da Igrexa en Galicia

O grupo popular reduciu a moción do PSdeG ao resultado do seu "profundo sectarismo froito do seu sentimento anticlerical"


|

Puertaconllave


O PP votou en contra no pleno do Parlamento dunha iniciativa do PSdeG --co apoio do resto da oposición-- que reclamaba pedir un listado dos bens inmatriculados a favor da Igrexa católica en Galicia, é dicir, o patrimonio rexistrado por primeira vez a nome desta institución.


Os socialistas solicitaban que se siga o exemplo doutras comunidades como País Vasco e Navarra, co obxectivo de conseguir un inventario dos bens que a Igrexa rexistrou ao seu favor "como un ave de rapiña" sen acreditar ser titulares dos bens.


FIGURA LEGAL OBSOLETA


Esta figura legal --actualmente derrogada a través dunha lei estatal aprobada en 2015-- permitía á Igrexa inscribir ao seu nome, no Rexistro da Propiedade, bens que non estaban inscritos con anterioridade, en base a unha reforma de José María Aznar en 1998, segundo denunciou a deputada socialista Patricia Vilán.


Respecto diso, Vilán subliñou que esta petición "é de xustiza", porque "xa é hora de que se dean pasos firmes cara á aconfesionalidade do Estado". Por iso, esixe que se "termine co privilexio a favor da Igrexa católica se as inscricións que se fixeron non tiñan un título que o certificase".


Nesta liña, Luís Bará (BNG) cargou contra o "dereito de pernada" permitido á Igrexa, co privilexio de poder rexistrar bens sen acreditar a súa propiedade, "simplemente coa firma do bispado" e "con absoluta opacidade".


Pola súa banda, Carmen Santos (En Marea) considera que este inventario é "un primeiro paso necesario" co obxectivo de coñecer estes bens para que a Igrexa "comece a pagar dunha vez por todas" o imposto de bens inmobles (IBI).


REXEITO DO PP


En contraposición, Alberto Pazos Couñago (PPdeG) esgrimiu os argumentos do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, na interpelación que precedeu a esta moción en pleno fai un par de semanas, polo que sinalou que "os privilexios xa non existen" por unha reforma do PP en 2015.


Finalmente, Pazos Couñago reduciu esta moción do PSdeG ao resultado do seu "profundo sectarismo froito do seu sentimento anticlerical", á vez que lembra que esta petición non é de índole autonómica, e os datos débense pedir aos rexistros de notariado de cada circunscrición e non á Dirección Xeral dos Rexistros e do Notariado, como figura na iniciativa.


Na quenda de réplica, Vilán lamentou que "non sorprende en absoluto a posición dos deputados do PP", pois asegura que Feijóo sostén que "a corrupción viña de Adán e Eva e do pecado orixinal".

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE