O Celta, a un paso de "escribir unha nova páxina" da súa historia
Aspas recoñece que "todos queriamos que chegase o máis rápido posible este partido" e Berizzo anuncia que "imos dar todo".
As semifinais da Europa League están a só un paso para o Celta, que esta noite defende ante o Genk belga a vitoria cultivada en Balaídos. Era, en palabras de Iago Aspas, un partido que "todos queriamos que chegase o máis rápido posible". Ao persoal pésalle non acabar a segunda parte en casa "con tan boas sensacións" como disputaran a primeira.
Tamén Berizzo afronta este encontro coma outra final. "Sabemos da importancia histórica deste partido e imos dar todo por escribir unha nova páxina desa historia", afirmou o adestrador. Así, apela á "ilusión" propia e do seu persoal, "unha ilusión que comezou hai dez meses atrás neste mesmo país e que o esforzo dos futbolistas mantivo viva".
O club publicou un vídeo apelando á épica para esta noite, que motiva a que "os soños están para cumprirse", baixo a premisa de que "canto maior é o esforzo, maior é a gloria".
Escribe o teu comentario