O 'rei das orquestras' volve ao banco esta semana
Tras varios adiamentos, terá que responder na Audiencia de Pontevedra acusado de varios delitos de evasión de impostos.
O empresario A.M.P., coñecido como o 'rei das orquestras' e conselleiro de Representaciones Lito, sentará o 20 de abril no banco da sección cuarta da Audiencia de Pontevedra, acusado de varios delitos contra a Facenda Pública por falta de pagamento de impostos de sociedade, IVE e IRPF.
O acusado ía ser xulgado en febreiro, pero a vista foi aprazada ata en tres ocasiones. A primeira delas, o 2 de febreiro, por indisposición do avogado da defensa; a segunda vez, o 9 de febreiro, porque o acusado renunciou ao seu letrado; e o pasado 2 de marzo, tamén se tivo que suspender o xuízo porque o novo avogado pediu un adiamento para estudar a causa.
Segundo o escrito de acusación pública, as declaracións tributarias da empresa dos exercicios 2011 e 2012 non se correspondían coa realidade, e só reflectían un 8 por cento do que se facturaba. Entre as irregularidades detectadas, había tamén gastos que non se contabilizaban e facturas que se rexistraban como gastos e eran emitidas por outras empresas.
Así, o Fiscal sostén que, neses dous exercicios, a empresa deixou de pagar máis de 8 millóns de euros en concepto de IVE, e defraudou máis de 650.000 euros nas retencións tributarias correspondentes aos pagos aos seus axentes comerciais, ademais da fraude por falta de pagamento do imposto de sociedades.
PETICIÓN DE PENAS
O ministerio público considera autores destes delitos a A.M.P., e á sociedade Representaciones Lito, e pide para o empresario un total de 14 anos de prisión, e o pago de multas que suman 10,8 millóns de euros. Así mesmo, reclama que a sociedade sexa condenada a pagar 21,6 millóns de euros e, que o o acusado e a sociedade indemnicen solidariamente o Estado en case 9,6 millóns de euros polas cotas defraudadas.
O Fiscal tamén pide á sala que condene a A.M.P. e a Representaciones Lito a perder o dereito de obter subvencións ou axudas públicas, así como beneficios fiscais por varios anos.
Escribe o teu comentario