Cepas selecciondas desde 1990 e clonadas para asegurar a maior calidade do albariño
Un centro público galego logrou introducir melloras xenéticas que redundan en mellores propiedades para a elaboración de viño.
Técnicos da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), ente dependente da Consellería do Medio Rural, lograron introducir melloras xenéticas na elaboración do viño albariño logo dun proceso de investigación levado a cabo ao longo de case 30 anos.
O proceso consistiu na selección das mellores cepas de cada plantación para alcanzar un maior potencial produtivo e uvas de máis calidade tanto no nivel de acidez coma do grao de alcol, segundo informou a Xunta este domingo.
Así, a investigación iniciouse en 1990, ano no que arrinca un proceso de selección de 112 cepas de albariño. No 2000, os técnicos elixiron 34 "clons", procedentes principalmente do Salnés, para traballar con eles na sede do Evega en Ribadumia (Pontevedra).
Tras isto, os investigadores foron seleccionado durante seis vendimas aqueles clons que presentaban mellores resultados, ben porque producían máis que a media ou porque o grao de alcol que presentaban era superior cunha acidez inferior.
O proceso de investigación finalizou coa selección de 10 clons que cumpren cos "obxectivos iniciais" propostos polo Evega: "cepas de albariño con maior potencial produtivo, maior grao alcohólico e menos acidez".
Así as cousas, o ente comercializará entre os viticultores estes "clons", á vez que continuará traballando cos "pés nai". O Evega naceu en 1997 e, desde entón, desenvolve "labores de asesoramento, orientación e ensaio especializados dirixidos a particulares e profesionais" do sector vitivinícola.
Escribe o teu comentario