Localizan un vertedoiro ilegal nunha pista sen saída en Culleredo
A Garda Civil está a analizar documentos aparecidos entre os cascallos para pescudar a autoría.
Imaxe do vertedoiro ilegal. //Foto: Arco Iris.
A asociación ecoloxista Arco Iris atopou outro vertedoiro ilegal, esta vez nos arredores de Ledoño (Culleredo). Igual que no caso do depósito de Carral, descuberto recentemente, enviaron xa as coordenadas ao Seprona.
Segundo informou Arco Iris nun comunicado, a Garda Civil está a investigar a autoría deste último vertedoiro "por medio da análise de algúns documentos aparecidos entre os cascallos". Para "quen cometese estas flagrantes ilegalidades", a asociación solicitará "as máximas penas", que poden chegar a unha sanción de ata 30.000 euros.
"Do mesmo xeito que o de Carral, ocupa gran parte de unha pista asfaltada sen saída, de fácil acceso pero de difícil localización ao estar xa en desuso", afirma Arco Iris. Na súa maior parte trátase de restos de obras e reformas de albanelería "e esa será a pista que siga a Garda Civil para localizar os presuntos culpables".
A asociación lembra que "será o concello de Culleredo o que teña que retirar o lixo e pasarlle a factura dos traballos ao ou aos autores, no caso de que sexan localizados".
Arco Iris insiste de novo na "perentoria necesidade de que se habilite un teléfono gratuíto de tres cifras para que a poboación xeral poida denunciar estes vertedoiros clandestinos e outros atentados contra o medio ambiente de forma rápida e anónima" como medida disuasoria.
Escribe o teu comentario