Villares di que o substituto de Feijóo será "En Marea"
O PSdeG sinala que "o relevante" é que o próximo presidente "non sexa do PP" | Pedro Puy ve os comentarios como unha sinal de que os seus adversarios ven a Feijóo como un "activo electoral forte".
O portavoz de En Marea, Luís Villares, asegurou que o substituto do actual presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, á fronte do Goberno galego na próxima lexislatura "será o proxecto político de En Marea" mentres que o portavoz do PPdeG na Cámara autonómica, Pedro Puy, considerou que a oposición ve ao actual xefe do Executivo autonómico "como un activo electoral forte".
Así se pronunciaron ambos os dirixentes políticos ao ser preguntados este luns polas declaracións efectuadas o domingo pola portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, quen considerou, nunha entrevista concedida á Cadea Ser, que Feijóo repetirá como candidato nas próximas eleccións galegas.
Mentres que Luís Villares explicou que esta cuestión "non é algo que preocupe" á súa organización, sinalou que o "incumprimento de Feijóo da súa palabra" é reiterada, como, na súa opinión, se mostra tamén en cuestións como a AP-9 ou os Orzamentos Xerais do Estado.
Pola súa banda, tras ironizar sobre as "capacidades adivinatorias" de Ana Pontón, o portavoz parlamentario do PPdeG considerou que "lle parece ben" que a oposición opine que Feijóo "será o próximo presidente" dado que supón que o ven "como un activo electoral forte" e, para o BNG, "imbatible".
Sobre esta cuestión tamén foi preguntado o deputado do PSdeG Julio Torrado, quen lembrou que Feijóo xa dixo que non se ía a presentar na pasada lexislatura "e presentouse". "O que é relevante é que o próximo presidente da Xunta non sexa do PP".
Escribe o teu comentario