Long Hope cre que o conflito polas pensións de Noruega terminará en Estrasburgo
O portavoz da plataforma de mariñeiros afectados asegura que o Tribunal dos Dereitos Humanos é a única saída posible.
// @joseanto1963
O portavoz da Plataforma de Mariñeiros Long Hope, Alberto Paz, asegurou este xoves que a única saída ao conflito polas pensións que este colectivo reclama a Noruega é o Tribunal dos Dereitos Humanos de Estrasburgo.
Así o indicou nunha entrevista concedida á Radio Galega despois de que un xulgado de Oslo deixase visto para sentenza o xuízo que determinará se os mariñeiros galegos que traballaron en barcos noruegueses entre 1984 e 1994 teñen dereito a cobrar pensión do país nórdico.
"Se nós gañamos, Noruega vai recorrer. Se gañan eles, recorreremos nós. O rumbo deste barco é o porto de Estrasburgo", dixo Alberto Paz, que engadiu que, con todo, é "un éxito" sentar a Noruega no "banco dos acusados".
Os traballadores pagaron os seus impostos en Noruega, como quedou acreditado na vista oral, pero as autoridades do país non lles permitiron cotizar no sistema de seguridade social, polo que agora non teñen dereito a pensión.
Paz lembrou que o colectivo ten "o apoio de todos os partidos políticos". "Pero nós con apoios non comemos", dixo o portavoz, que pediu ao Goberno de España que "teña un pouco de vergoña e saque a cara" por eles.
Escribe o teu comentario