Feijóo urxe a Caballero a que colabore para desbloquear o Campus do Mar

Convida a substituír "illamento, minifundismo e localismo" por "colaboración, cooperación e internacionalización". 


|

Campusdomar


O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, avanzou este mércores que hai oito millóns de euros para investir no Campus do Mar, cuxa execución depende só de que se desbloquee a operación de cesión por parte de Zona Franca, e convidou ao alcalde de Vigo (aínda que sen nomealo expresamente) a superar o "localismo" e substituílo por "cooperación".


Así o manifestou Nuñez Feijóo tras manter un encontro institucional co reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, e tras realizar un percorrido, no que tamén participou o conselleiro de Educación, por varias das instalacións do campus vigués.


INVESTIMENTOS Á espera DO DESBLOQUEO


O presidente galego confirmou que este proxecto científico pode beneficiarse de oito millóns de euros, dos cales tres millóns serían fondos propios da Xunta de Galicia, outros tres serían investimento de Zona Franca para rehabilitar os espazos da ETEA, e "como mínimo" 2 millóns máis procedentes de fondos europeos de cooperación transfronteiriza (programa POPTEC).


Segundo subliñou Feijóo, para que eses investimentos poidan executarse, é necesario un "desbloqueo previo" da cesión das instalacións, algo que só pode aprobarse nun pleno de Zona Franca. Así pois, o presidente da Xunta deixa a pelota no tellado de Abel Caballero, que preside o pleno do organismo estatal, convoca a sesións e decide as ordes do día.


Nesa liña, recalcou que o Campus do Mar "naceu en Vigo e quere crecer en Vigo", para o que é necesario "deixar atrás o illamento, o minifundismo e o localismo" e substituílos por "colaboración, cooperación e internacionalización".


Así mesmo, convidou a "deixar atrás a idea de que as administracións son meros apéndices da vontade versátil do político de quenda", e advertiu de que Galicia e a Universidade deixaron o localismo como "un vestixio do pasado" e "un recurso político de curtos horizontes".


CAMPUS DO MAR


O presidente da Xunta incidiu en que o proxecto do Campus do Mar é "consecuencia" da cooperación de varias institucións e administracións, e proclamou que o compromiso do goberno galego con esta iniciativa é "inalterable", xa que está "pactado". Así mesmo, engadiu que o desenvolvemento do Campus nos terreos da antiga ETEA debe "materializarse con urxencia".

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE