O Supremo rectifica á super-Xuíza Pilar de Lara

O tribunal especifica que non está probado que "a finalidade do agasallo fose para obter a compracencia da autoridade para favorecer os intereses do empresario".


|

DeLara


O Tribunal Supremo vén de rectificar á Xuíza estrela Pilar de Lara ao considerar que o eurodeputado José Blanco e os senadores Juan Antonio de las Heras e Jose Manuel Barreiro non cometeron delito de suborno ao recibir como agasallos de Nadal unhas botellas de viño que lles enviou o Presidente de Monbus, Raul López.


Desta maneira o alto Tribunal dálle un sonoro tirón de orellas á Xuíza do Xulgado de Instrución número 1 de Lugo, a moi polémica maxistrada Pilar de Lara, que investiga "concienzudamente" o chamado caso "Condor".


O Supremo, arquiva a causa aberta contra Blanco, De las Heras e Barreiro porque os feitos non son constitutivos de delito e sinala que "se trata de agasallos do Nadal que responden a actos de cortesía e non comprometeron a imparcialidade dos aforados no exercicio das funcións públicas".


O Supremo engade na súa argumentación que tampouco hai conexión entre a función dos destinatarios dos agasallos e a actividade á que se dedica Raúl López, que preside unha empresa de transporte de viaxeiros por estrada. O tribunal engade que non está probado que "a finalidade do agasallo fose para obter a compracencia da autoridade para favorecer os intereses do empresario".


Sobre o ex Ministro Pepe Blanco, o Supremo detalla que foi destinatario de agasallos de Monbus no 2008, cando era deputado no Congreso, "sen que na súa área de influencia se atopase o transporte de viaxeiros por estrada". Foi tamén no 2010 e o 2011, sendo ministro de Fomento. O Supremo aclara que Monbus xa foi adxudicataria "antes e despois" do paso de Blanco polo ministerio de contratos con Aena, Feve e Renfe. Tamén se lle enviaron agasallos no 2012, cando era vicepresidente dunha comisión no Congreso que trataba "asuntos ou materias alleas a todo o relacionado co transporte".


Respecto ao senador popular José Manuel Barreiro, o Tribunal Supremo indica que non existe "ningunha conexión causal entre a entrega dos agasallos e o cargo que ocupaba" xa que Barreiro, era por aquel entón, voceiro na Deputación e no Concello de Lugo.


No caso a De las Heras, senador do PP por Guadalaxara, o Supremo aclara que "a natureza dos agasallos entregados, botellas de viño, e o seu valor non pode considerarse excesiva, xa que se atopa dentro do marco da adecuación social dos agasallos do Nadal, carece de entidade para influír no exercicio da función pública, e non existen indicios da relación causal esixida polo tipo penal".


O Supremo di que a pretensión da xuíza Lara de que a sala fixe unha contía para diferenciar o delito do reproche ético "carece de sentido, pois o relevante é que poida condicionar o desempeño do cargo".


Con esta resolución a Xuíza Pilar Lara comeza a recibir unha dose elevada da medicina que ela mesma esta aplicando a empresarios e políticos nos últimos anos e que motivou a protesta de letrados de recoñecido prestixio que en ven na súa "laboriosidade" unha desmesurada maneira de conseguir notoriedade.

relacionada O Supremo rexeita investigar a José Blanco e Barreiro polos agasallos de Monbus

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE