O tecido empresarial galego vaise achegando á formación continua
"A globalización dos mercados, as novas tecnoloxías e a necesidade de innovar esixen unha constante actualización de coñecementos", sosteñen desde a fundación FEUGA.
"O investimento en formación cobra cada vez maior importancia, tanto para as empresas como para os empregados. A globalización dos mercados, a eclosión das novas tecnoloxías e a necesidade de innovar esixen unha constante actualización de coñecementos", tal e como defendeu FEUGA tras valorar os datos da súa área de Formación.
De feito, tal e como indicou a propia fundación nun comunicado, esta "aumentou nun cinco por cento" o número de actividades realizadas en 2016, alcanzando as "60 actividades", e "incrementou nun seis por cento" o número de alumnos dos cursos financiados polas compañías, sumando "máis de 800 profesionais".
As áreas máis demandadas no pasado ano foron as de xestión empresarial, comercial e márketing, habilidades directivas e loxística e produción. O número de horas de formación impartidas "creceu nun 10 por cento", superando as "670".
A valoración media das actividades sitúase nun 8,7 de puntuación, "tres décimas máis" que en 2016. "Mostra do nivel de satisfacción dos cursos é que un 85 por cento das compañías inscritas participaron en convocatorias anteriores e son xa habituais nas actividades formativas organizadas por FEUGA", subliñou a propia Fundación.
Empresas como FINSA, Selmark ou Ingapan, sinalou a Fundación, son "conscientes do papel estratéxico da formación na xestión empresarial" e, por iso, asisten de "forma asidua" aos cursos de FEUGA.
"É vital. Os mercados están en permanente cambio e é necesario adaptarse de maneira rápida e efectiva ás novas oportunidades que se presentan. Sen formación continua as empresas non estarían preparadas para afrontar eses cambios. Para as pemes que non teñen o volume suficiente para organizar formación in company o labor de FEUGA é fundamental", defendeu Manoli González, directora de Recursos Humanos de Selmark.
Escribe o teu comentario