Vítimas do Alvia piden a González e Zapatero o apoio do PSOE
A plataforma concentrouse ás portas do Ifema de Madrid e entregaron folletos informativos aos ex presidentes, no seu intento de que se abra unha comisión de investigación.
A Plataforma de Vítimas do tren Alvia de Santiago de Compostela concentrouse esta mañá ás portas do pavillón de Ifema de Madrid, onde este domingo tivo lugar o lanzamento da candidatura da presidenta da Junta de Andalucía, Susana Díaz, para as primarias do PSOE.
Alí, membros da plataforma abordaron á súa chegada ao recinto aos ex presidentes do Goberno Felipe González e José Luis Rodríguez Zapatero para pedirlles o seu apoio para a creación dunha comisión de investigación parlamentaria sobre as posibles responsabilidades políticas no accidente do tren Alvia rexistrado na capital galega o 24 de xullo de 2013 que custou a vida a 80 persoas e deixou 144 feridos.
Segundo recolle un vídeo difundido pola plataforma en redes sociais, membros do colectivo de vítimas entregaron folletos informativos aos ex presidentes socialistas para reclamarlles que o grupo parlamentario do PSOE no Congreso apoie a creación dunha comisión de investigación sobre as causas do sinistro.
Membros da plataforma pediron a González e Zapatero coñecer "a verdade" e que se faga "xustiza". Os expresidentes arrouparon este domingo en Madrid a presidenta andaluza, Susana Díaz, na presentación da súa campaña para as primarias do PSOE, onde compite co ex secretario xeral socialista Pedro Sánchez e o ex lehendakari Patxi López.
Escribe o teu comentario