O fiscal Álvaro García recoñece "presións políticas" en casos de corrupción
O presidente da Unión Progresista de Fiscais apunta que a maioría son "ameazas veladas" e "sutís", e son "moi concretos" os casos de presións directas.
O presidente da Unión Progresista de Fiscais (UPF), Álvaro García Ortiz, recoñeceu que se producen "presións políticas" durante a investigación de casos de corrupción que afectan a cargos públicos.
Así o indicou nunha entrevista este domingo na Cadena Ser recollida por Europa Press, na que García Ortiz asegurou que non confía na creación dunha fiscalía anticorrupción en Galicia porque "non é unha das prioridades deste goberno".
"Desde ese punto de vista estou case seguro que non se vai crear unha fiscalía anticorrupción. Agora, o desexo e a necesidade de que iso sexa así segímola tendo e compartindo a maioría de fiscais de Galicia. Eu creo que é un mal retrato ou unha visión equivocada do que está a ocorrer en Galicia", asegurou.
Nesta liña, lembrou que esta petición está "formulada" ante a Fiscalía Xeral do Estado por parte dos fiscais superiores de Galicia, aínda que recoñeceu que a creación deste órgano "non está entre as prioridades" do fiscal xeral que, de apostar por ela, tería que trasladala ao Ministerio de Xustiza.
PRESIÓNS POLÍTICAS
García Ortiz recoñeceu que durante a instrución de casos de corrupción que afectan a cargos públicos se producen "presións" desde figuras da política e as institucións, aínda que matizou que se trata de "poucos e moi concretos os casos de presións directas".
Con todo, o fiscal apuntou que, na maior parte das ocasións, estas presións chegan a través de "ameazas veladas" e "sutís" que reciben "a maioría dos fiscais" cando xestionan un "caso complicado" como os de corrupción, que son "moi mediáticos".
"O ideal é que non se producisen, o ideal é que non houbese declaracións dos membros dos executivos, central ou autonómicos, sobre como deben dirixirse os procedementos xudiciais", manifestou.
CARTEL DE ENTROIDO DA CORUÑA
O fiscal tamén foi preguntado sobre a citación como investigado do concelleiro de Culturas do Concello da Coruña, José Manuel Sande, tras unha denuncia que partiu da presidenta da Asociación de Viúvas de Lugo por un cartel do Entroido ao entender que ofendía os "sentimentos relixiosos" por unha imaxe que identifica coa figura do papa.
García Ortiz opinou que a "reflexión" de se a través da protección das confesións relixiosas se pon en perigo a liberdade de expresión debe realizarse "na sociedade española" e non desde "as fiscalías e os tribunais".
Así, expresou que é preciso reflexionar sobre se pode producirse "unha deriva" que poña "en perigo outros bens xurídicos tan importantes ou máis nun estado democrático como pode ser a liberdade de expresión ou todo o que rodea ás liberdades democráticas".
Escribe o teu comentario