A Deputación de Pontevedra aproba o Plan Estratéxico do Deporte ata 2020
Ademais de centrarse en instalacións, escolas deportivas e o impulso de equipos de alto nivel, proponse crear unha marca provincial encamiñada a obter un selo de calidade deportiva.
A Deputación de Pontevedra aprobou en Xunta de Goberno o Plan Estratéxico do Deporte 2017-2020, unha vez concluído o prazo de achegas dos interesados. Segundo subliñou a presidenta do ente provincial, Carmela Silva, este plan desenvolveuse coa colaboración de todo o sector deportivo da provincia.
O plan contou, tal e como precisou a Deputación nun comunicado, cun prazo aberto para que o propio sector puidese facer as súas achegas: "Agora, unha vez concluído ese prazo, procedemos á súa aprobación definitiva en Xunta de Goberno, aínda que algunhas das cousas que expón xa as estamos desenvolvendo por adiantado", destacou Silva.
Este plan estratéxico promove a elaboración dun Plan Director de Instalacións Deportivas para coñecer as instalacións e espazos deportivos existentes na provincia e as necesidades de creación de novas infraestruturas. Tamén se realizará unha guía de mantemento e modernización das instalacións, impulsando a eficiencia enerxética.
Dentro das medidas recollidas no plan estratéxico que xa están en marcha, cabe subliñar, sinalou a Deputación, o impulso ás DEPOrte Escolas para facelas chegar a toda a poboación infantil, garantindo "un maior incremento" na oferta para iniciar na práctica deportiva a todas as nenas e nenos da provincia.
O fomento do tecido asociativo, continuou a presidenta da Deputación, tamén está a funcionar con liñas de colaboración por concorrencia competitiva para o fomento da práctica deportiva, para o financiamento dos clubs con equipos de alto nivel, impulsando convenios para impulsar a colaboración entre as asociacións e os centros educativos especializados, modernizando, incentivando a calidade, impulsando programas de promoción do deporte e de formación, creando seminarios e xornadas de intercambio de experiencias e promovendo campionatos deportivos.
Unha das novidades é a creación dun proxecto de imaxe de marca provincial para o fomento do deporte, encamiñada a obter un selo de calidade deportiva. A través desta marca fomentaranse hábitos saudables e tamén valores positivos, como o xogo limpo ou o traballo en equipo.
Escribe o teu comentario