As presas ourensás de Portas e Cenza prepáranse para facer fronte a emerxencias
Este luns os dous encoros de Vilariño de Conso e Viana do Bolo vivirán un simulacro para repasar os seus protocolos ante incidencias.
Encoro de Portas. // Foto: turismo.gal
As presas de Portas e Cenza, situadas nos municipios ourensáns de Vilariño de Conso e Viana do Bolo, vivirán este luns un simulacro de emerxencia no que se probarán as bucinas dos seus Plans de Emerxencia Exterior para dalas a coñecer á poboación.
O son será audible entre as 12,00 e as 13,30 horas nos lugares de Vilariño, A Paceira, A Veiguiña --Vilariño de Conso-- e nos de Fornelos de Filloás, Pradocabalos, San Cibrao, A Touza, Viana e San Martiño da Ponte --Viana do Bolo--.
A empresa Iberdola, que xestiona ambas as presas, está implantando os Plans de Emerxencia nestes encoros co obxectivo de incrementar "as garantías de seguridade" das mesmas, segundo informou a Xunta nun comunicado.
Ademais das bucinas de alerta, o plan inclúe procedementos no caso de que se produzan incidencias no funcionamento das presas, actuación que se está repetindo noutros encoros de Galicia e España.
Escribe o teu comentario