Imputan o concelleiro de Culturas da Coruña polo polémico cartel do Entroido
Unha asociación de Lugo denunciou ao edil por sentir ofendidos os seus "sentimentos relixiosos" por unha imaxe que identifican coa figura do Papa.
O Xulgado de Instrución número 3 da Coruña citou a declarar, en condición de "investigado", segundo informa o Consistorio, ao concelleiro de Culturas do Concello herculino, José Manuel Sande, tras unha denuncia que partiu da presidenta da Asociación de Viúvas de Lugo por un cartel do Entroido ao entender que ofendía os "sentimentos relixiosos" por unha imaxe que identifica coa figura do papa.
Sobre este asunto, o concelleiro de Culturas lembrou que é "o procedemento habitual cando existe unha denuncia, como é o caso, é que o xulgado de instrución abra unha investigación e chame a comparecer as persoas aludidas".
Por outra banda, sinala que o goberno local ten "absoluta tranquilidade xa que non houbo ningunha vontade de ofensa cun cartel que reproduce un disfrace habitual no entroido coruñés dentro do carácter irreverente e lúdico que caracteriza esta festa".
Con todo, insiste na "absoluta vontade de colaboración coa Xustiza en calquera tipo de cuestión".
LIBERDADE DE EXPRESIÓN
Tamén apela á defensa que desde o goberno local "e fai e sempre se fará da liberdade de expresión, o que inclúe as expresións culturais e as manifestacións artísticas como é o caso do cartel de Entroido".
Destas festas, indica que "prohibidas durante un período moi concreto e escuro da historia do Estado español" caracterizáronse "sempre polo seu humor e por un espírito de irreverencia e crítica de determinados poderes, sempre dunha maneira saudable, que non debería faltar".
Respecto da imaxe á que alude a denuncia, indica que "non son ofensivas con ningunha crenza relixiosa, senón que entroncan cunha tradición festiva nesta terra e co humor gráfico". Ademais, sostén que "non representa" a figura do papa, senón que se trata da representación "dunha persoa ataviada cun dos disfraces do Entroido coruñés.
Escribe o teu comentario