Ourense fai seu o Cocido do Orgullo de Lalín

Esta fin de semana, as dúas localidades únense para reivindicar que as persoas LGTBI sexan "o que queren ser" e poidan vivir a súa sexualidade independentemente do "seu lugar de residencia".


|

Cocidoorgullo 2


O Concello de Ourense formalizou o seu apoio ao Cocido do Orgullo de Lalín --que terá lugar entre os días 24 e 26 de marzo-- co obxectivo de reivindicar unha maior visibilidade do colectivo LGTBI (lesbianas, gais, bisexuais, transexuais e intersexuais) nas comarcas do interior de Galicia.


As concelleiras de Muller e Igualdade de Lalín, Celia Alonso, e de Igualdade en Ourense, Sofía Godoy, presentaron na cidade das Burgas o programa de actividades da segunda edición do Cocido do Orgullo de Lalín, que este ano contará coa participación de 27 restaurantes.


Celia Alonso resaltou que estas xornadas "están especialmente dirixidas aos institutos" para que os mozos poidan comprender as dificultades do día a día entre os membros do colectivo LGTBI.


Así destacou o seminario 'Axentes de Trans Formación', que ten lugar este venres 24 de marzo no Salón Teatro de Lalín, e que entre os seus relatores contará coa participación dun grupo de mozos que xa fixeron o tránsito da súa sexualidade. "Vai ser unha charla moi construtiva para que o resto de mozos vexa que non é tan fácil dar este paso", declarou a responsable de Igualdade en Lalín.


OURENSE SÚMASE


Ourense quíxose sumar a esta actividade para reclamar un espazo social para os membros do colectivo LGTBI que residen no interior de Galicia.


Así o reivindicou a concelleira de Igualdade no municipio das Burgas, Sofía Godoy, que espera que a iniciativa sirva para "reivindicar a visibilidade" deste colectivo "tamén en Ourense". "É un problema que se repite en todas as poboacións" do interior de Galicia, sinalou.


A concelleira aposta por medidas que axuden a mobilizar a un colectivo que "está moi disperso" e que mesmo en localidades como Ourense "non ten representatividade nin está asociado". Para Godoy propostas como o Cocido do Orgullo de Lalín son unha maneira de axudar o colectivo para "saír á luz e que teñan as súas vidas plenas".


Nesta liña, coincidiu con Celia Alonso, que lamentou que "aínda hoxe día" os membros do colectivo LGTBI do interior de Galicia "non son o que queren ser no seu lugar de residencia" e "teñen que desprazarse" para vivir a súa sexualidade.


"Queremos que sexan felices onde residen, sen que ninguén lles diga como se teñen que comportar ou con quen teñen que vivir", reivindicou Godoy.


Para iso propuxo a receita do cocido, "o principal selo identificador de Lalín en todo o mundo", pero que no caso do Cocido do Orgullo ten unha receita diferente na que "grelos, patacas, chourizo e garavanzos van de guarnición" e o ingrediente principal do prato é "o respecto e a visibilidade".


Alonso confiou no éxito da segunda edición desta festa, que tivo "unha acollida moi boa" por parte dos restaurantes e que xa colgou o cartel de "non hai prazas" nos hoteis e pensións da localidade.


ACTIVIDADES


Ao longo de tres días a capital do Deza acollerá distintos concertos a cargo de grupos como A banda das Crechas, Mamá Cabra ou Las Supremas.


O sábado, ás 18,00 horas haberá un partido de rugby, que contará coa participación dos Titáns de Madrid, o primeiro equipo de rugby gai inclusivo de España. A organización tamén destacou os seminarios e xornadas de información que se celebrarán e que están abertos a todo o público.

relacionada Convocada para o 11 de marzo a cuarta edición do Día Internacional do Cocido

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE