Noriega reprocha a un concelleiro do PP estar "instalado no todo vale"
O edil asegurou que o goberno municipal deu un "presunto trato de favor" á sala Malatesta polo seu aforamento, cando non solicitou acceso ao expediente ata o día seguinte á rolda de prensa.
O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, acusou o edil do PP compostelán Alejandro Sánchez-Brunete de actuar "a mala fe" e de "mala praxe", polo que lle reclamou que ofreza "explicacións" sobre o seu proceder, que fai "dano" á institución e ás "iniciativas da cidade".
A preguntas dos medios este xoves, Noriega saíu ao paso das afirmacións de Sánchez-Brunete, que o pasado luns asegurou que o goberno municipal deu un "presunto trato de favor" a unha sala de concertos da cidade ao "ocultar" o edil Xan Duro a redución do seu aforamento á Policía Local.
Así, o rexedor apuntou que o popular ofreceu unha rolda de prensa para informar sobre este tema "antes de solicitar" o acceso ao expediente do local ao que se refería, petición que rexistrou ao día seguinte (martes).
Deste xeito, censurou que o edil, quen, na súa opinión, está "instalado no todo vale", aseverase "que tivo acceso a todo o expediente" e que, máis tarde, solicitase "o acceso" ao mesmo.
"Sánchez-Brunete está a actuar a mala fe, incumprindo cos códigos que se lle esixen a calquera concelleiro da corporación", espetou o primeiro edil compostelán, para logo engadir que non seguirá "alimentado un delirio absoluto".
Así as cousas, defendeu que o caso da sala de concertos Malatesta "foi un proceso de tramitación administrativa" que "unicamente" pasou polas mans do edil Xan Duro.
"Está a facer unha causa xeral sobre unha cuestión sen ter en conta o dano que lle fai á casa e mesmo ás iniciativas desta cidade", engadiu o alcalde en referencia á denuncia de Sánchez-Brunete, do que cre que "está a facer un fraco favor ao PP e á forma de facer oposición neste concello".
Escribe o teu comentario