Detido un vigués por ameazar a súa muller, da que está en trámites de separación
A vítima tívose que encerrar nun dormitorio con dous dos seus fillos menores, ante a actitude agresiva do marido.
Axentes da Policía Local de Vigo detiveron un veciño da cidade, M.R.M., de 39 anos de idade, como presunto autor dun delito de violencia de xénero, ao insultar e ameazar a súa parella, da que está en trámites de separación.
Segundo informaron fontes policiais, os feitos tiveron lugar na madrugada deste xoves, cando unha dotación do 092 se trasladou ata un domicilio do barrio de Teis, alertada de que unha muller estaba a recibir ameazas por parte da súa parella.
Unha vez no lugar, os axentes constataron que a vítima, de 36 anos, atopábase encerrada nun dormitorio con dous dos seus fillos menores, mentres que o marido estaba noutra estancia. Segundo relatou a muller, ambos están en trámites de separación, e o home négase a abandonar o domicilio.
A muller indicou que tivera unha forte discusión co seu marido, e que este a ameazou de morte, á vez que precisou que anteriores ocasións chegou a agredila. Ante a actitude agresiva do marido, a muller encerrouse na habitación con dous dos seus fillos.
Por estes feitos procedeuse á detención do home, por un suposto delito de violencia de xénero.
Escribe o teu comentario