Segundo día de folga nas plantas de Nueva Pescanova

Os traballadores celebran este martes unha manifestación en Vigo contra a proposta do convenio colectivo da empresa.


|

Asembleanuevapescanova

Asemblea de traballadores de Nueva Pescanova.// Foto: CIG


Traballadores das plantas de elaboración e frigoríficos de Nueva Pescanova celebran este martes unha manifestación no marco da segunda xornada folga convocada polos sindicatos CIG, CUT, UGT e USO, co obxectivo de esixir á empresa que modifique a súa proposta na negociación dos convenios colectivos e respecte os dereitos adquiridos polo persoal.


Os sindicalistas manteñen que este conflito "transcende a Pescanova", porque entenden que "este convenio non só afecta á empresa, senón tamén aos futuros convenios do sector da alimentación". É por iso que, a principios deste mes, estes catro sindicatos convocaron dúas xornadas de folga, para os martes 14 e 21 de marzo.


Así mesmo, convocaron para este sábado, día 25, unha nova asemblea --ás 10,00 horas no Auditorio de Chapela (Redondela)--, na que analizarán "a situación" da negociación e propoñerán un calendario de mobilizacións, que inclúe iniciar folga indefinida a partir do próximo 4 de abril.


Pola súa banda, CCOO, que neste conflito forma un bando separado, realizará este martes o cuarto paro parcial --dunha hora-- na parte comercial, administrativa e de oficinas do grupo. Nos tres paros previos --convocados os martes e xoves deste mes---, o sindicato trasladou que contou co "apoio maioritario dos traballadores".


POSICIÓN DA EMPRESA


A dirección de Nueva Pescanova sostén que a súa proposta de convenios colectivos para as plantas de elaboración e frigoríficos do grupo non afecta os postos de traballo e as condicións laborais dos actuais traballadores senón só aos novos contratados, aos que asegura que, en todo caso, propón salarios e condicións que "melloran" o convenio do sector.


A empresa mantén que na negociación, pola que houbo "preto de 100 reunións desde o 31 de marzo de 2016", trata de conseguir convenios propios "baixo as premisas de mantemento do emprego e mellora da competitividade e flexibilidade, de forma que se garanta a viabilidade e sustentabilidade futura de todos os seus centros".

relacionada Traballadores de Pescanova convocan folgas nas plantas de elaboración e frigoríficos
relacionada CCOO rexeita a proposta de convenio "precarizadora" de Nova Pescanova

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE