A comisión das caixas galegas segue sen plan de traballo "tres meses despois"

Ana Pontón considera que se o PP "ten a conciencia tranquila" non poñerá "trabas" á investigación | Leiceaga pide que comparezan Fernández Ordóñez e Fernández Currás.


|

Comisionparlamentocajas


A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, volveu pedir a comparecencia do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na comisión de investigación sobre a desaparición das antigas caixas galegas e esixiu ao Partido Popular que deixe traballar a este órgano "sen vetos" e non o "amordace".


Ana Pontón tamén criticou que, "tres meses despois" da constitución desta comisión na actual lexislatura "aínda non se aprobou o plan de traballo".


Precisamente, na folla de traballo desta comisión, para a líder do BNG é necesario que comparezan o presidente da Xunta "como máximo responsable de todo o proceso que levou á desaparición das caixas", así como a entón conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, quen, segundo indicou, agora que "xa non é un alto cargo do Estado non ten escusa para non comparecer".


Así mesmo, desde o punto de vista político, Ana Pontón tamén reclamou as comparecencias no órgano parlamentario do excomisario europeo de Competencia, Joaquín Almunia; e do ministro de Economía, Luís de Guindos.


Ademais, a dirixente nacionalista propuxo chamar os ex-dirixentes do Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB) Miguel Ánguel Fernández Ordoñez e Fernándo Restoy, así como ao ex-director de Caixa Galicia José Luis Méndez e o exdirector de NCG José María Castelán, entre outros.


DOCUMENTACIÓN


Na súa comparecencia ante os medios, Ana Pontón volveu pedir que se inclúa a auditoria realizada por KPMG ás caixas que "lle custou un millón de euros" aos galegos e que "xustificaba que o proceso de fusión era solvente". Ademais, tamén demandou a información relativa á indemnización de José Luis Méndez así como do proceso de adquisición de bens por parte da esposa deste ex-directivo.


"Estamos nun momento clave no que é fundamental que ao Parlamento se lle deixe traballar, que teñamos unha comisión de investigación sen vetos e sen mordazas", manifestou Ana Pontón, que considerou que "se o PP ten a conciencia tranquila" non poñerá "trabas".


OPERACIÓN "MOI GRAVOSA PARA AS ARCAS PÚBLICAS"


Pola súa banda, o PSdeG aspira a que a comisión de investigación sobre a desaparición do sistema financeiro galego poida profundar na bancarización e venda de Novacaixagalicia, a entidade resultante da fusión das dúas caixas propias, pois resultou "moi gravosa" para as arcas públicas.


En rolda de prensa, o portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, lembrou que había "voces" que advertían de que a venda nese momento, en 2013, daría "resultados peores" que se se mantiña no ámbito público "algún tempo máis".


E, de feito, foron uns 9.000 millóns de euros públicos os utilizados para sanear a entidade por "apenas mil" da súa venda. "Queremos saber que pasou, porque o pagamos todos os españois", defendeu o socialista na presentación da súa proposta de plan de traballo para a comisión.


A fin de coñecer en detalle ese proceso, o PSdeG pide a comparecencia dos presidentes do FROB durante os procesos de fusión e a venda; da ex-conselleira de Facenda Elena Muñoz, hoxe á fronte do PP de Vigo; e do conselleiro do Tribunal de Contas que fiscalizou a reestruturación.


En paralelo, como sinalou Leiceaga, o obxectivo dos socialistas é que esta "segunda vida da comisión" iniciada a pasada lexislatura permita que pasen polo Pazo do Hórreo "algúns comparecentes" que entón compareceron por escrito.


Trátase do ex-gobernador do Banco de España Miguel Ángel Fernández Ordóñez (así como o seu antecesor e o seu predecesor) e da outra ex-conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, quen durante a comisión de caixas xa ocupaba o posto de secretaria de Estado de Orzamentos.

relacionada O PP aproba as normas da comisión de caixas sen o apoio da oposición
relacionada Feijóo reparte as culpas da caída das caixas entre banqueiros, políticos e o Banco de España
relacionada Ana Pontón critica a "falta de actividade" da comisión das caixas

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE