O Celta faise tamén co segundo derbi da tempada
(0-1). O duelo en Riazor foi pouco vistoso e con escasas ocasións. Os vigueses controlaron a pelota e tiveron premio, mentres o Dépor non soubo aproveitar algún descoido celeste.
Partido de enorme intensidade e escasísimas accións de gol este derbi en Riazor, que o Celta conseguiu levar pola mínima, a pesar do desgaste co que chegaba do xoves, para regalar unha gran semana á súa afección.
A primeira media hora longa de xogo desenvolveuse sen apenas accións nas áreas. Nin Deportivo nin Celta conseguiron poñer en apertos a Sergio Álvarez e Germán Lux, respectivamente. Foi un primeiro terzo de encontro no que dominaron os férreos sistemas defensivos, sen concesión algunha e moito contacto por parte de ambos os bandos.
Non foi ata o minuto 39 cando chegou a ocasión máis clara da primeira metade para o Celta, nunha longa acción que finalizou cun disparo de Jonny que rebotou en Juanfran e foi parar á cabeza de Bongonda, só no segundo pau. O belga non atinou cun frouxo golpeo, que detivo Lux.
Catro minutos despois, tivo o Dépor a súa mellor oportunidade, nunha chegada pola dereita de Juanfran, dobrando por dentro a Bruno Gama. O lateral centrou atrás, onde rematou con dureza Fayçal Fajr, pero cando o balón se encamiñaba á rede topouse coa perna dun defensor celeste.
Nada máis comezar a segunda parte, antes de que discorresen dez segundos, chegou a ocasión máis clara ata entón, cando Facundo Roncaglia pifiou un despexe co pé dereito, co que deu unha patada ao aire. Celso Borges, que xogou practicamente como dianteiro á beira de Joselu, fíxose coa pelota pero no man a man con Sergio Álvarez estrelou o seu disparo no corpo do meta celeste. O rexeite caeu a Joselu, ao que punteou Nemanja Radoja e ese mesmo coiro foi a parar aos pés de Bruno Gama, que golpeou en exceso co exterior da súa bota dereita, moi desviado.
A segunda parte transcorreu polos mesmos camiños, coa única diferenza de que o Celta si aproveitou a súa ocasión, nun centro de Pione Sisto desde o extremo dereito que rematou Iago Aspas na área pequena. Faltaba un cuarto de hora para o asubío final.
No minuto 87, Álex Bergantiños peiteou un fenomenal centro pechado de Emre Çolak. O esférico perdeuse por moi pouco á dereita do portal de Sergio Álvarez, sen que Borges puidese remachar no segundo pau.
A pesar da insistencia nos instantes finais, mediante varios córneres e faltas laterais, o Deportivo non foi capaz de lograr o empate. Con esta derrota, os branquiazuis quedan con 27 puntos, agora 6 por encima da zona de descenso, que marca o Sporting de Xixón.
FICHA
RC Deportivo: Lux, Juanfran, Arribas, Albentosa, Luisinho, Bruno Gama (Carles Gil, min. 60), Álex Bergantiños, Pedro Mosquera, Fayçal Fajr (Emre Çolak, min. 77), Borges e Joselu (Andone, min. 66).
RC Celta de Vigo: Sergio Álvarez, Hugo Mallo, Cabral, Roncaglia, Jonny, Radoja, Pablo Hernández, Iago Aspas, Wass (Jozabed, min. 87), Bongonda (Pione Sisto, min. 71) e Guidetti (Beauvue, min. 12).
Gol: 0-1 Iago Aspas (min. 75).
Escribe o teu comentario