O Teatro Colón da Coruña cancela o espectáculo de Jorge Cremades
A Deputación e o Concello apelan á "tolerancia cero" co machismo.
O Teatro Colón da Coruña cancelou o espectáculo de Jorge Cremades 'Te odio, pero como amigo', que estaba previsto para o próximo 25 de marzo.
Así o informaron desde a dirección do centro nunha comparecencia á que asistiron a concelleira de Igualdade do Concello da Coruña, Rocío Fraga, e a vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín. Esta vinculou a decisión coa "tolerancia cero" co machismo.
Desde o Teatro Colón, propiedade da Deputación da Coruña, precisaron que o artista manifestou a súa vontade de subir ao escenario, tras a venda de entradas. Con todo, dixeron que o artista "non quixo prexudicar ao teatro nin á súa dirección" tras as críticas a esta representación.
DEVOLUCIÓN DE ENTRADAS
Tamén precisaron que os que adquiriron localidades terán dereito á devolución do importe íntegro a través da plataforma onde as adquiriran.
Mentres, a vicepresidenta provincial vinculou a decisión con "un compromiso firme de tolerancia cero co machismo". Ademais, enmarcou esta cancelación nunha "vitoria" do colectivo feminista.
Na mesma liña, a concelleira de Igualdade do Concello da Coruña, Rocío Fraga, precisou que a decisión se adopta tras a solicitude feita por un grupo de mulleres. Ao seu xuízo, este espectáculo é "a punta do iceberg doutras expresións de odio que teñen lugar, ás veces, nos espazos artísticos".
Escribe o teu comentario