O metal de Pontevedra redobra o pulso coa patronal: folga os días 19, 20 e 21 de maio
Aos paros deste xoves día 7 e os anunciados para os días 13 e 14 súmase agora unha chamada de folga durante 72 horas.
As fábricas, estaleiros e demais industrias ligadas ao sector do metal de Pontevedra botarán a persiana o luns 18 de maio sen saber si permanecerán pechadas até o venres 22, despois de que os sindicatos CIG, UXT e Comisións Obreiras anuncien a convocatoria de tres xornadas máis de folga que se suman aos paros previstos para este xoves 7 de maio e os días 13 e 14 do mesmo mes. O conflito, coa súa orixe na negociación polo convenio colectivo que permanece encasillada pola distancia que manteñen os representantes dos traballadores e a patronal, escala agora cunha folga de 72 horas que parece ser unha mensaxe clara para os empresarios de que non van dar nin un paso atrás nas súas reivindicacións.
MÁIS FOLGAS
Con esta formulación, a unidade entre os tres sindicatos presentes na mesa de negociación parece absoluta. En total, e se nada o evita, serán seis xornadas de folga nun só mes, coa posibilidade de que se volva indefinida se non hai avances claros nos próximos días.
Até agora todos os intentos por evitar este extremo foron infrutuosos e os sindicatos decidiron pór pé en parede ante a negativa da patronal a aceptar as súas condicións, relativas á subida salarial ou aos tempos de descanso.
"Son máis condicións que o salario. Pedimos condicións dignas", recalcan as centrais sindicais. O impacto da folga de 72 horas será significativo polas datas, pois coincide coa celebración da Feira Internacional da Industria Naval (Navalia), que terá lugar no Instituto Feiral de Vigo entre o 19 e o 21 de maio, onde previsiblemente se reunirán miles de traballadores para facer visible o seu enfado.
Tamén na Coruña as protestas están a multiplicarse no sector, onde tamén negocian un novo texto e onde os sindicatos denuncian as dificultades para achar puntos de encontro coa patronal.
Escribe o teu comentario