Caballero aposta por unha 'fronte común' de alcaldes pola gratuidade do aparcadoiro do HAC
Faino só un día despois de que o Parlamento votase en contra de abrir parcelas anexas ao HAC para aparcar de forma gratuíta.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este xoves que se dirixirá aos 30 alcaldes e alcaldesas da área sanitaria viguesa para instalos a asinar unha declaración institucional conxunta esixindo á Xunta a gratuidade do aparcadoiro do Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC).
O rexedor olívico fixo estas manifestacións ao día seguinte de que o PP votase en contra, no parlamento de Galicia, dunha moción socialista para reclamar a gratuidade dese aparcadoiro e a apertura de varias parcelas, propiedade do Sergas, á beira do HAC, e nas que, segundo Caballero, poderíase estacionar de forma gratuíta.
Por outra banda, o alcalde de Vigo confirmou que contactará cos 30 alcaldes e alcaldesas da área sanitaria viguesa para instalos a asinar unha declaración institucional "pedindo que sexa gratis un aparcadoiro que utilizan eses 30 municipios".
"Se o fan (converter en gratuítos os aparcadoiros), eu poño gratis o aparcadoiro que Vigo está a facer, póñoo gratis para todos os municipios da área sanitaria", proclamou.
ÁREA METROPOLITANA
Ademais, Caballero anunciou este xoves que a próxima semana iniciará contactos cos rexedores que apoiaron a súa posición na área Metropolitana para avanzar en convenios bilaterais de transporte.
En declaracións aos medios, o rexedor olívico subliñou que eses convenios bilaterais (con Nigrán, O Porriño, Salceda, Moaña, Cangas, Fornelos de Montes e Gondomar) permitirán poñer en marcha o convenio de transporte metropolitano tal e como el o interpreta, un convenio "que a Xunta non quere que se poña en marcha".
"Chamarei aos alcaldes, acordarei datas de reunión e empezaremos o diálogo, veremos como facer para que a Xunta non paralice as melloras", apostilou Caballero.
Escribe o teu comentario