Beiras anima aos dirixentes de En Marea a facerse "cargo do asunto" sen mentores

Nunha entrevista a 'La Tuerka' conta que lle pagou unha multa a Abel Caballero e móstrase moi crítico con Felipe González


|


XoseManuelBeiras 1

O histórico dirixente nacionalista e portavoz nacional de Anova, Xosé Manuel Beiras, animou aos líderes de En Marea a facerse "cargo do asunto" e sen mentores durante unha entrevista concedida ao secretario xeral de Podemos, Pablo Iglesias, no seu programa La Tuerka.


"Eu dígollo agora á xente que ten trinta e moitos ou corenta e poucos anos en Galicia, das mareas, da propia Anova ou de Podemos Galicia. É hora de que vós vos fagades cargo do asunto porque á miña xeración, cando tiñamos esa idade, tocounos non só non ter ningún mentor, senón que os mentores que tiñamos traizoárannos", manifestou Xosé Manuel Beiras.


O histórico dirixente nacionalista pronunciouse deste xeito nunha entrevista na que repasa a súa biografía política, con especial incidencia no seu papel na construción do que foi Alternativa Galega de Esquerda (AGE) en 2012 e a posterior creación do proceso de unidade popular que deriva en En Marea. Ademais, ten lugar antes de que o vindeiro sábado, día 18 de marzo, Anova celebre a súa III Asemblea Nacional da que sairá unha substitución xeracional.


Na súa intervención, Beiras asegura que "tiña moi claro que o problema do BNG" é que "se anquilosara" e "perdera a súa metodoloxía inclusiva". "Porque o éxito do BNG dos anos 80 e 90 foi que era absolutamente inclusivo e tiña un discurso en que todo o mundo das clases populares se sentía integrado", sinalou.


Tras iso, lembrou que, unha vez nada Anova, no seu discurso con motivo do Día da Patria en xullo de 2012 lanzouse " á piscina para saber se había auga". "Digo que é necesario traspasar as fronteiras", indicou en relación ao proceso de diálogo que acabaría na creación de AGE xunto a Esquerda Unida.


ANÉCDOTAS E CRÍTICAS


Ademais o seu papel político, Beiras comentou con Pablo Iglesias varias anécdotas da súa vida. Así, desvelou, entre outras cuestións, que tras pagar as multas de varios estudantes por unhas folgas nos anos 70, o único que non lle devolveu o diñeiro foi o actual alcalde de Vigo, Abel Cabellero, quen por aquel entón, segundo indicou, acabaría militando no Partido Comunista.


Beiras, ademais, mostrouse moi crítico co expresidente do Goberno Felipe González, ao que cualificou de "esquirol". "Nos anos setenta houbo unha traizón fodida no espazo antifranquista, eu coñecía persoalmente a Felipe González e, realmente foi un esquirol", censurou para asegurar que "o que acaba de facer agora xa é moito máis grave pero vai na liña do que foi nos anos 70", en referencia ao seu apoio á abstención do PSOE para facilitar o goberno ao PP.

relacionada Beiras: "Dixen hai moito tempo que o meu ciclo político estaba pechado"

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE