O PP da Deputación de Lugo facilitará a aprobación dos orzamentos provinciais
A pasada semana, o presidente provincial, Darío Campos, presentaba o proxecto de orzamentos, que ascenden a 84,8 millóns de euros.
A portavoz do PP na deputación de Lugo, Elena Candia, deixou ver este luns que o seu grupo facilitará, no pleno extraordinario deste martes, que saian adiante as contas provinciais, ben votando a favor ou ben absténdose.
"Se cumpre ao cen por cento co que pedimos, o presidente sabe que vai ter o apoio do PP e, se ten matices e non conseguimos convencelo, iriamos a unha abstención. En principio, salvo sorpresa de última hora, sería a nosa postura, que vai seguir sendo a que dixemos do ano pasado, cando marcamos un posicionamento que non tiña marcha atrás, cando decidimos apoiar os orzamentos en xuño de 2016", proclamou Candia.
A pasada semana, o presidente provincial, Darío Campos, presentaba o proxecto de orzamentos que ascenden a 84,8 millóns de euros e que contempla un "plan único" dotado con vinte millóns de euros para os 67 municipios da provincia.
"O grupo provincial do PP sempre dixo que quería ser útil á provincia e que ía facilitar os orzamentos. A mellor forma de garantilos é dicirlle con claridade ao goberno que condicións tiña que poñer para que tivese o apoio do PP", subliñou Candia, que apelou a "un criterio de repartición con obxectividade, con recursos para toda a provincia e para todos os concellos" como requisito de base, "a maiores de incrementar esas axudas".
As bases para este acordo xa se puxeron o ano pasado, cando o grupo socialista contou co respaldo do PP e do deputado non adscrito naquel momento, Manuel Martínez, para apoiar as súas contas, o que conduciu a que os nacionalistas saísen do goberno provincial.
Candia defendeu a estabilidade do goberno, logo dos vaivéns dos últimos meses co deputado non adscrito e hoxe vicepresidente provincial, Manuel Martínez. "No escenario esperpéntico que vivimos, probablemente había tendencias a facer un uso máis politizado, con 'trapalladas', dun goberno absolutamente roto, dividido e enfrontado. O PP é o único grupo que garante os orzamentos", concluíu.
Escribe o teu comentario