A Xunta lanza o primeiro Plan Renove de instalacións eléctricas

Permitirá mellorar a eficiencia enerxética de 400 edificios | O executivo galego subvencionará a banda ancha a empresas e autónomos do rural. 


|

Bombillaelectricidadluz


O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou este xoves a posta en marcha do primeiro Plan Renove de instalacións eléctricas, que aspira a mellorar a seguridade e a eficiencia enerxética en 400 edificios.


Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, o xefe do Executivo explicou que esta iniciativa "mobilizará máis de 3 millóns de euros". As axudas terán unha cofinanciación de ata o 24 por cento, cun máximo de 3.000 euros por edificio ou 150 por punto de subministración.


Este plan está destinado a inmobles de uso residencial de máis de 25 anos, sendo os beneficiarios as persoas físicas e as comunidades de veciños, que deberán tramitar as axudas a través das entidades colaboradoras (aquelas inscritas no Rexistro integrado industrial do Ministerio de Economía).


O programa cubrirá reformas de instalacións de ligazón --desde a caixa xeral de protección ata os cadros xerais das instalacións receptoras dos usuarios--, a toma de terra, o cadro de servizos comúns, as instalacións correspondentes aos servizos do edificio e a substitución de interruptores convencionais por detectores de presenza.


Feijóo subliñou que este plan contribuirá a mellorar a seguridade das instalacións eléctricas, ademais de favorecer o aforro dos fogares.


BANDA ANCHA


Así mesmo, a Xunta convocará axudas para o acceso á banda ancha ultrarrápida a empresas e autónomos situados en zonas illadas do rural. Con esta convocatoria, que se publicará nos próximos días no Diario Oficial de Galicia, o Executivo activa a segunda das actuacións do 'Plan de banda longa 2020 para a extensión da cobertura de redes de banda longa ultrarrápida' na comunidade.


A través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), o Goberno galego destina a esta convocatoria un orzamento de 500.000 euros en 2017, que poderá ampliar ata un máximo dun millón en 2018, en función da demanda.


Estas axudas subvencionarán ata "o cento por cento" dos custos das tarefas necesarias para dotar de banda ancha ultrarrápida á empresa, ata un máximo de 20.000 euros por beneficiario. Os proxectos deberán ter un custo mínimo de 2.000 euros.


Está destinada a empresas e autónomos que non dispoñan de acceso a internet de polo menos 30 megas e será obrigatorio manter a alta no servizo contratado inicialmente como mínimo durante un ano.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE