A contratación feminina triplícase na primeira empresa que implanta o currículo oculto
Así o anunciou a ministra de Sanidade, que defendeu o currículo que oculta o sexo como forma de contratación máis equitativa.
A ministra de Sanidade, Asuntos Sociais e Igualdade, Dolors Montserrat, anunciou este mércores que xa existe unha empresa española na que se implantou o currículo no que se oculta o sexo e que este proceso elevou a contratación de mulleres na compañía dun 12 a un 36 por cento.
Este currículo oculto foi unha das primeiras medidas adoptadas pola ministra tras a súa chegada ao Goberno, o pasado mes de novembro, e ten como obxectivo unha contratación máis equitativa eliminando a discriminación cara á muller e cara a outros colectivos, como pode ser o LGTBI. Así, o currículo non inclúe os datos persoais do traballador, senón só os seus méritos académicos e profesionais.
Durante a súa intervención no Pleno do Congreso deste mércores, Montserrat explicou que o traballo do seu departamento neste tema é "implementar esta medida" nas empresas, empezando por aquelas que teñen distintivo de igualdade e estendéndoa despois a todas as demais. Neste sentido, sinalou que a maioría de compañías coas que falaron acolleron "moi ben" a idea.
Escribe o teu comentario