O Congreso investigará o financiamento do PP, pero aínda non

O PP pon peros ao acordo que pechou en agosto con Cudadanos e pídelles non mirar o pasado. O PSOE espera a que avancen as negociacións entre Rivera e Rajoy.


|

Rajoyrivera 2 1 1


Mariano Rajoy puxo en cuestión no Pleno do Congreso o obxecto da comisión de investigación sobre o financiamento do PP que acordou con Ciudadanos, o seu ámbito temporal de investigación e mesmo a Cámara na que se crearía, e aconsellou ao líder da formación laranxa non mirar ao pasado.


Na sesión de control ao Goberno, Rivera preguntou a Rajoy por que "se opón" á creación da dita comisión, que ambos os partidos subscribiron no pacto anticorrupción de agosto que abriu a negociación do acordo de investidura.


O líder do Executivo asegurou que está disposto a falar dese asunto co presidente de Ciudadanos e que nunca dixo que "non vaia cumprir ningún dos 150 puntos do acordo" que asinaron o PP e Cs.


Pero, a continuación, indicou que se podería "discutir" se a comisión se crearía no Congreso ou no Senado, se se analizaría só o financiamento do PP ou tamén o doutros partidos, como PSOE, Podemos e Ciudadanos, e que período de tempo abarcaría, "se desde 1990 ou desde cando". E, por último, "se isto é positivo ou serve para construír algo", engadiu.


"Creo que o positivo sería que mirásemos ao futuro, porque se miramos demasiado ao pasado pode pasar como á muller de Lot, acórdase vostede? Quedou convertida en estatua de sal", sinalou Rajoy. En lugar diso, avogou por falar do paro, as pensións, a dependencia ou a estiba, temas que "importan ao conxunto dos cidadáns".


Ademais, lembrou que na Cámara Baixa está a funcionar a Comisión para a Auditoría da Calidade Democrática, dentro da cal hai unha subcomisión de estudo para tratar, entre outras cousas, o financiamento dos partidos políticos. "Supoño que de todos", apuntou, engadindo que os tesoureiros das distintas formacións comparecerán e poderán "dar boa conta" de cuestións relacionadas co financiamento.


O PACTO AVANZA ATA QUE SE FALA DE CORRUPCIÓN


Con todo, o presidente de Ciudadanos considera que cando se trata de cuestións relacionadas coa corrupción, non se avanza igual que nas medidas económicas e sociais. "Coa corrupción topamos", lamentou, agregando que cando se fala da comisión de investigación, os 'populares' "non cumpren".


Ciudadanos "cumpriu" apoiando a investidura "e non foi fácil", así que "lle pido que cumpra a súa palabra porque con vostedes ou sen vostedes, aquí vaise poñer en marcha a comisión de investigación da caixa B do PP", manifestou tras destacar que os 'populares' xa non gobernan con maioría absoluta.


Rivera resaltou que en distintas Cámaras autonómicas o PP apoiou a creación de comisións de investigación que afectaban a outros partidos: a do 'caso Pujol' no Parlamento catalán, "había que poñela en marcha rápido", e coa dos cursos de formación en Andalucía, onde goberna o PSOE, había que "acelerar".


En cambio, considera que o PP adopta unha postura distinta cando a comisión é sobre o seu financiamento. Pero "ten vostede un pleno ao quince, catro dos tesoureiros están imputados, non sei se virán ou terán que facer Skype desde o cárcere, pero van vir e vai haber unha comisión de investigación", subliñou.


O PSOE GARANTE QUE SE FARÁ


O portavoz do Grupo Socialista no Congreso, Antonio Hernando, garantiu este mércores que a Cámara Baixa creará unha comisión de investigación sobre o financiamento ilegal do PP, aínda que o seu grupo aínda non ten previsto levar a votación nos próximos plenos a iniciativa que ten rexistrada desde agosto para aprobar a posta en marcha dese órgano.


Hernando aproveitou a súa pregunta ao presidente do Goberno, Mariano Rajoy, na sesión de control do Congreso para censurar a proposta do PP de ampliar a investigación parlamentaria sobre o 'Caso Bárcenas' que pactou con Ciudadanos, ás contas de todos os partidos.


O dirixente socialista afeou ao xefe do Executivo que se salte "á toureira" o seu pacto cos de Albert Rivera, lembroulle que hai catro tesoureiros do PP "imputados" e que xa "non ten maioría absoluta" para evitar que o Congreso investigue o financiamento do seu partido.


TERÁ QUE POÑERSE Á COLA


"Vai investigar e vaise acabar coñecendo a verdade", resolveu. Iso si, fontes socialistas precisaron despois que o PSOE non ten previsto levar ao Pleno do Congreso nas próximas dúas semanas a súa solicitude para crear esa comisión, dado que prefiren esperar a ver en que rematan as negociacións entre Ciudadanos e o PP.


Iso supón que, como pronto, a comisión non se debatería ata finais de marzo ou principios de abril. En todo caso aínda que se aprobase entón, a súa posta en marcha podería atrasarse dado que os socialistas manteñen o principio de que as comisións de investigación non coincidan no tempo e xa hai dúas aprobadas e pendentes de arrincar, as relativas ao Ministerio do Interior na etapa de Jorge Fernández Díaz e ao rescate bancario e a crise das caixas de aforro.

relacionada Bárcenas insiste en que gardaba nunha 'caixa B' doazóns de empresarios
relacionada A Audiencia Nacional reabre a causa da caixa 'B' do PP
relacionada O Congreso investigará a crise financeira desde o ano 2000 ata a actualidade

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE